Inuguración do centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de AVELAÍÑA en Ponteareas
Con 30 Prazas concertadas polo SERGAS que dará cobertura ás persoas con enfermidade mental nas Comarcas de O Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas
Infogauda / Ponteareas
O vindeiro martes día 29 de marzo, ás 10:30 horas, terá lugar na rúa Carballos, nº 9, de Ponteareas, o acto de inauguración do centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral da Asociación Avelaíña.
O devandito centro conta con 30 prazas concertadas polo SERGAS, e dará cobertura ás persoas con enfermidade mental nas Comarcas de O Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas.
ASOCIACIÓN AVELAÍÑA
Orixe e historia
Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro, declarada de Utilidade Pública (2010) e formada nestes momentos por 18 profesionais, máis de 400 socios e socias, persoas con enfermidade mental, familiares, coidadores e coidadoras, achegados e persoas sensibilizadas coa problemática.
Ten a súa orixe no ano 1997, froito da unión e loita por un recurso específico na comarca do Baixo Miño (Pontevedra), onde non existía ningún recurso de atención á saúde mental e onde os psiquiatras que se desprazaban cada 15 días a A Guarda deixaran de facelo. Avelaíña comezou atendendo as necesidades básicas de saúde mental dun grupo reducido de persoas no antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde, situado no municipio de A Guarda. Desde alí comezou a prestar atención a toda a comarca do Baixo Miño (Concellos de Oia, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui). No ano 2006 a asociación logrou a cesión polo Concello de A Guarda, da Escola Unitaria da Portela, co obxecto de establecer alí a súa sede. En 2007, Avelaíña comezou a prestar aí os seus servizos, onde actualmente se atopa a sede principal da asociación, un Centro de Rehabilitación Psicosocial e un Piso Supervisado.
O proceso de expansión da asociación continuou pola comarca do Val Miñor, ante a necesidade dalgúns usuarios que se desprazaban ata a Guarda para recibir atención. Tras pasar por diversos enclaves (Gondomar, Nigrán e Ramallosa) e unha gran serie de xestións e contactos, no ano 2013 a asociación solicitou á Tesourería Xeral da Seguridade Social o local situado na Casa do Mar de Baiona. A súa cesión supuxo a estabilización das actividades como Centro de Rehabilitación Psicosocial na comarca do Val Miñor, configurando un servizo e unha nova sede de traballo que se manteñen ata a actualidade.
Xa no ano 2016, traballadoras sociais das comarcas de O Condado e A Paradanta (comarcas eminentemente rurais) detectan a gran urxencia e necesidade de atención e solicitan a intervención na zona. No rural galego, a necesidade de recursos é aínda maior, pois se trata dunha poboación con escasos servizos e recursos públicos de proximidade, con dificultades de desprazamento ata as urbes pola falta de transporte e con un acusado envellecemento. Tendo isto en conta, a Asociación Avelaíña decide responder a esta demanda e comeza a prestar atención á saúde mental en O Condado e A Paradanta no ano 2016, continuando co proceso de expansión. Deséñase o proxecto “Achego”, para intentar aproximar a atención sociosanitaria ás persoas con enfermidade mental e ós seus familiares en ambas comarcas. Tras a selección do proxecto pola Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia) e con fondos da Consellería de Política Social, o proxecto ponse en marcha, atopando unha situación máis grave da esperada. Deséñase entón un programa máis amplo para as comarcas de O Condado, A Paradanta e o Concello de Salceda de Caselas, onde se plantexa un traballo máis comunitario no contexto do rural galego, creando un recurso de proximidade en saúde mental aberto á poboación.
No 2022 abre o seu Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral con 30 prazas concertadas polo Sergas.
Servizos que presta AVELAÍÑA
A asociación Avelaíña foi ampliando os seus servizos ao longo dos anos, contando con numerosos concertos con organismos públicos e coa experiencia no desenvolvemento e posta en marcha de proxectos de carácter social. Na actualidade Avelaíña conta cos seguintes servizos:
• 3 Centros de Rehabilitación Psicosocial: situados en A Guarda (30 prazas), Baiona (25 prazas) e Ponteareas (30 prazas) concertadas co SERGAS.
• Un Piso Protexido en A Guarda (con catro prazas concertadas co SERGAS)
• Programa “ACHEGO” con: a Unidade de Apoio Comunitario (UAC) en Ponteareas e a Unidade de Apoio Comunitario Desprazada (UAC Desprazada) en A Cañiza
• Atención domiciliaria
• Respiro Familiar
• Escola de Familias
• Acompañamento integral, xestión e tramitación
• Orientación e integración laboral
• Información e asesoramento en Saúde Mental
• Apoio Psicolóxico
• Servizo de Asesoramento e Atención Psicolóxica: Concello de Arbo e Concello de Salceda de Caselas
• Comunicación e sensibilización
Ningún comentario:
Publicar un comentario