7 de mar. de 2022

PONTEAREAS

As traballadoras do SAF do Concello de Ponteareas mobilízanse este 8 de marzo para denunciar a precariedade laboral que padecen 

A concentración terá lugar na praza do Concello ás 14:00 horas 

Infogauda / Ponteareas

 As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas convocan para este martes día 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, unha concentración diante da praza do Concello ás 14:00 horas en protesta polas condicións laborais “de total precariedade” que padecen. 

 Dende o ano 2013 o servizo está en mans do grupo Clece, actualmente baixo as siglas da súa filial Samain Servizos a Comunidade. 

 Dende xullo de 2021 as traballadoras contan con representación sindical da CIG, elixida coa intención de mellorar as súas condicións laborais por debaixo do convenio de aplicación no sector, con incumprimentos moi graves que as manteñen nunha situación de total precariedade. 

Xornada laboral 

 Só unha das 40 auxiliares conta cun contrato a xornada completa a pesar de que moitas compañeiras traballan efectivamente xornadas superiores á completa sen ser recoñecida nin pagada. 

 A maioría traballan de xeito parcial, con constantes variacións de xornada e sen garantía da xornada mínima do sector, de 25 horas semanais. 

 Pártense as xornadas dúas e tres veces e non se respectan os descansos mínimos semanais e diarios. 

Diferenzas salariais 

 A empresa mantén os complementos de antigüidade, festivos e quilometraxe en valores do ano 2012, negándose a aplicar as revisións do IPC. 

 As traballadoras teñen que levar o seu coche particular para realizar os servizos, desprazándose a diferentes parroquias e recibindo o mesmo importe por quilometraxe dende hai 14 anos. 

 A empresa négase a entregarlles os rexistros de xornada ás traballadoras para que poidan comprobar as diferenzas entre a xornada pagada e a realizada. A representación sindical ten constatado diferenzas de máis de 6.000 euros en xornadas extra que están xa reclamadas diante do Xulgado do Social. 

 No que vai de ano a empresa non contestou a solicitude das delegadas e sen motivo algún non actualizou os salarios segundo o IPC do ano 2021, tal e como a obriga o convenio de aplicación. 

Saúde laboral 

 Non se está realizando un plan de prevención e unha adecuada avaliación de risco musco esquelético e psicosocial nos domicilios nos que prestan servizos as traballadoras. 

 A CIG ten denunciado todas estas irregularidades na Inspección de Traballo dende outubro do ano 2021 sen ter constancia algunha de actuación por parte da autoridade laboral. 

 Igualmente, ten informado o Concello do incumprimento da lexislación vixente e solicitado a rescisión do contrato da adxudicataria. 

 O SAF atende as necesidades básicas da vida diaria de case un cento de persoas dependentes do concello de Ponteareas e está financiado case ao 100% de cartos públicos. 

 Trátase dun servizo público esencial en mans dunha empresa cuxo obxectivo non é outro que obter un beneficio a costa da saúde das traballadoras e de mantelas en situacións de total precariedade económica e laboral. 

 Por estas razóns, as traballadoras do SAF de Ponteareas inician o vindeiro 8 de marzo mobilizacións para solicitar o inmediato cumprimento das súas reivindicacións. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario