26 de mar. de 2022

GALICIA

A Xunta de Galicia somete a información pública a inclusión de cinco exemplares de Antas de Ulla, Nigrán e O Rosal no catálogo de árbores senlleiras  

Son dous carballos localizados no concello lucense, unha árbore botella e un castiñeiro en Nigrán, e unha magnolia soulangeana no concello do Baixo Miño

Na actualidade figuran inscritos no rexistro autonómico 182 elementos, dos que 144 son exemplares individuais e 38 conxuntos e formacións pertencentes a 79 especies


O magnolio de San Miguel de Tabagón é o máis grande de Galicia e un dos máis grandes de toda Europa
Foto: C.O. R.


Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia somete a información pública as solicitudes para ampliar o Catálogo galego de árbores senlleiras coa incorporación de cinco novos exemplares en diferentes puntos da Comunidade. En concreto, trátanse do carballo de Amoexa e do de Santa Cristina, os dous en Antas de Ulla; dun braquiquito (ou árbore botella) e dun castiñeiro, ambos no concello de Nigrán; e da magnolia soulangeana de San Miguel de Tabagón, localizada no municipio do Rosal.

 Cómpre lembrar que o fin de solicitar a inclusión dun exemplar ou formación arbórea no catálogo é garantir a súa conservación en atención ás singularidades e características polas que merecen ser preservados e inventariados a través desta ferramenta.

 Así, no caso dos exemplares de Antas de Ulla, ambas solicitudes baséanse nas súas dimensións. O primeiro dos candidatos é o carballo de Amoexa, de 18,5 metros de altura e 6,2 metros de perímetro, e o segundo, trátase do carballo de Santa Cristina, que chama a atención polo seu gran tamaño: 25 metros de alto e 6,2 metros de contorno.

 En canto ás dúas árbores en Nigrán, o braquiquito —unha especie natural de Australia e que en España se atopa sobre todo no Levante e en Andalucía— trátase dun exemplar de 12 metros de altura e case 3 metros de perímetro, que destaca pola súa rareza e dimensións e está situado á beira dun cruce de camiños, no lugar de San Pedro; mentres que o castiñeiro de San Pedro da Ramallosa, en pleno itinerario Portugués pola Costa, ten tamén 12 metros de alto e 5 de contorno.

 A quinta árbore que aspira a entrar no catálogo é a magnolia soulangeana do Rosal, un exemplar de dimensións excepcionais e cunha beleza extraordinaria localizado dentro dunha propiedade privada na parroquia de San Miguel de Tabagón. Trátase dun magnolio coñecido e admirado polo seu porte e estética, que ten servido de inspiración para artistas e foi obxecto de varias reportaxes. Os seus 19,5 metros de altura e 2,72 metros de perímetro convértena nunha das árbores deste tipo máis grandes de Europa.

Proceso de participación durante 20 días

 Tras a publicación do anuncio no DOG o pasado 23 de marzo, ábrese agora un período de 20 días hábiles para que todos os interesados en participar no proceso de información pública poidan achegar a documentación, observacións ou alegacións que estimen oportunas con relación á inclusión destes cinco elementos no catálogo.

 A tal fin, a información relativa a estes expedientes está dispoñible para a súa consulta nas dependencias da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en San Lázaro —Santiago de Compostela— e nas xefaturas territoriais de Medio Ambiente en Lugo e Pontevedra, aínda que tamén pode examinarse de forma dixital a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

 En todo caso, cómpre precisar que o período de información pública é un trámite preceptivo dentro do procedemento de catalogación ou descatalogación como árbore senlleira de calquera exemplar ou formación, pero non implica nin garante necesariamente que todas as inclusións propostas saian adiante.

Unha ferramenta en constante actualización

 O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

 De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables, como é o caso da Castiñeira de Ramil.

 Na actualidade, forman parte do Catálogo un total de 182 elementos —144 exemplares e 38 formacións arbóreas— pertencentes a 79 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias: 

PROVINCIA
ÁRBORES
FORMACIÓNS

TOTAL

A Coruña
42
12
54
Lugo
34
6
39
Ourense
20
6
26
Pontevedra
48
14
62
Total
144
38
182

Ningún comentario:

Publicar un comentario