14 de mar. de 2022

DEPORTES

 PIRAGÜISMO

4 MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS 

Na 2ª Copa de España de Slálom  


  Emilio Rodríguez colleitou dúas medallas de prata en K1 veterano
Fotos: Norbert Aguilera
Alba Soutelo, medalla de prata en C1
Manuel Ochoa, medalla de bronce en K1 sénior


Informa: Rosa Fernández Carrera

 Continúa a Liga Española de Slálom, nesta ocasión na canle da localidade francesa de Pau, onde se celebrou a 2ª Copa de España de slálom. Está canle, moi preto de España é habitualmente usada pola federación Española para facer adestramentos e competicións. Esta tempada, cada Copa de España consta de dúas competicións separadas, coas súas clasificatorias e finais diferenciadas, a primeira celebrada o sábado e a segunda o domingo.     

 Ó evento acudiron máis de 200 piragüistas de toda España, dos cales oito eran representantes do Deportivo Miño-Teixugos, que remataron con catro medallas, tres pratas e un bronce, e foron quen de facer catorce finais de dezaseis posibles.  

 En K1 veterano, Emilio Rodríguez, subiu ao podio nas dúas xornadas ao conseguir tanto sábado como domingo a medalla de prata. 


Laura Alonso
 

 En K1 sénior Laura Alonso non foi quen de meterse en finais, rematando décimo sétima o sábado e vixésima o domingo.  


Ainhoa Barreiro

 En K1 xuvenil, Ainhoa Barreiro e Alba Soutelo entraron  en finais nos dous días, Ainhoa rematou oitava na primeira e novena na segunda final, mentres que Alba o sábado a piques estivo de subir ao podio ao rematar cuarta e o domingo foi oitava.  

 Alba Soutelo tamén baixou en canoa ou C1, e ao igual que en caiac, foi quen de meterse nas finais nos dous días, o sábado rematou oitava, e o domingo, nunha impresionante baixada, limpa e libre de penalizacións, subiu ao podio co segundo mellor tempo. 


Brais Castro
 

 En C1 sénior, Brais Castro, tamén superou as clasificatorias, e xa nas finais foi oitavo o sábado e sexto o domingo.  

 En K1 sénior, Manuel Ochoa, fixo unhas impresionantes clasificatorias, o sábado foi segundo e o domingo primeiro, e xa nas finais o primeiro día acadou a medalla de bronce e no domingo, aínda que fixo tempo de medalla, as penalizacións por toques deixárono en quinto lugar.  


Alexis Segadaes
Sergio Rodríguez

 En K1 xuvenil, Alexis Segadaes non superou as clasificatorias en ningunha das xornadas, rematando décimo sexto e trixésimo sexto. Na mesma categoría Sergio Rodríguez foi finalista nos dous días, rematando quinto o sábado e sexto o domingo.  

 Papel moi destacado e destacable do Club Deportivo Miño-Teixugos, e do slálom galego, nesta segunda cita da Liga Española, con varias medallas e moitos deportistas en finais dos cinco clubs galegos.  

 Na clasificación final por equipos, os Teixugos, remataron quintos na xornada do sábado e sextos o domingo.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario