Román Rodríguez participa na celebración do Día Mundial da Poesía na Insua dos Poetas
O conselleiro de Cultura destaca a Florencio Delgado Gurriarán como un poeta senlleiro na larga tradición das letras galegas
Salienta que nestes momentos é máis necesario que nunca apoiar as manifestacións artísticas e poñer en valor o seu compoñente emocional a través de certames, premios e festivais líricos por toda a Comunidade
Fotos: X.G.
Infogauda / O Carballiño (Ourense)
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na Insua dos Poetas na celebración do Día Mundial da Poesía, onde destacou a Florencio Delgado Gurriarán como un poeta senlleiro na longa tradición literaria galega, que ten importancia polo seu “amplo cultivo da poesía ao longo de séculos”. Cómpre lembrar que o ourensán é o homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
O representante da Xunta de Galicia salientou a visión de Delgado Gurriarán, “un home que entendeu a importancia da poesía como un instrumento de democratización das voces populares e, ao mesmo tempo, como unha salvagarda da memoria común de todo o pobo galego”. “Todo isto posibilítao a poesía: a preservación do patrimonio cultural dun pobo, pero tamén o seu patrimonio emocional”, engadiu.
Recital con escolares
Na conmemoración do Día Mundial da Poesía, establecido pola Unesco en 1999, na Insua dos Poetas participaron tamén o presidente da Fundación Insua dos Poetas e do Centro Pen Galicia, Luís González Tosar; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, entre outras autoridades.
No transcurso do acto, realizouse unha conexión cos muralistas Mon Devane, Diego As e Lidia Cao e oito escolares recitaron poemas de Florencio Delgado Gurriarán. Ademais, incluíu o espectáculo de poesía, música e danza Cantares Transhumantes, de Mirian Sandoval, e unha homenaxe ás letras arxentinas coa plantación dun ombú, árbore simbólica da Pampa.
Rosalía de Castro en Madrid
Tamén co gallo do Día Mundial da Poesía e, aproveitando a coincidencia coa celebración do Día da Árbore, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa este serán no Real Xardín Botánico de Madrid na mesa redonda A imaxinación botánica das escritoras do século XIX, enmarcada na exposición O herbario de Rosalía de Castro: Nasín cando as prantas nasen que, desde o 18 de febreiro e ata 27 deste mes, acolle o Invernadoiro dos Bonsais da dita institución co apoio da Xunta.
A mesa redonda, presentada pola profesora Pura Fernández, centrarase na análise da natureza en escritoras do século XIX e contará coa participación de Catherine Davis, Solange Hibbs e María López Sández. As intervencións centraranse, respectivamente, nas obras de Gertrudis Gómez de Avellaneda, Rosario Acuña e Rosalía de Castro. Ademais, o presidente da Casa Museo Rosalía de Castro, Anxo Angueira, doará ao Xardín Botánico unha filla da figueira de Rosalía, que permanecerá albergada neste baixo unha placa conmemorativa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario