A OMIX de A Guarda programa varias formacións de balde para este mes de marzo
• Un Obradoiro de Música e Canto Moderno e outro de Conversas en Inglés serán as propostas para este mes de marzo de 2022.
Infogauda / A Guarda
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de A Guarda lanza as primeiras actividades formativas deste ano 2022, que comezarán neste mes de marzo. Son de balde e coma sempre procuran a participación da mocidade en particular, pero tamén do resto da poboación, en xeral.
As dúas propostas que darán comezo en marzo son:
- Obradoiro de Música e Canto Moderno para a mocidade: unha alternativa que pretende ser unha oferta diferente, moi orientada á xente máis nova cun repertorio actual e moi diverso. Con este obradoiro a OMIX pretende crear unha canle de expresión que encaixe coa mocidade, que libere as súas emocións e que ademais non renuncien a unha formación musical de calidade. Traballarán técnica vocal, expresión e ritmos e escalas da música moderna.
- Conversas en Inglés. Obradoiro de práctica de inglés nivel B1. Crearanse situacións cotiás nas que practicar o idioma e así mellorar as nosas ferramentas comunicativas.
No caso de Canto e música moderna, o obradoiro impartirase os martes dende as 19:00 ata as 21:00h e no caso de inglés, a formación será os martes e xoves de 20:30 ata as 22:00h.
Os dous obradoiros serán de balde para as persoas participantes.
Toda a información na OMIX nas súas redes sociais, no enderezo electrónico informacion@aguarda.es ou no teléfono 986 610 000 extensión 7.
Ningún comentario:
Publicar un comentario