18 de feb. de 2022

VILADESUSO (OIA)

A Asemblea da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso rexeita a construción dos parques eólicos 

Que afectan o seu monte e a Serra da Groba


Poza do Cerro das Aradelas, lugar onde se proxecta a fábrica de  formigón
Foto: C.MM.VV.en M. C. de Viladesuso

Infogauda / Viladesuso (Oia)

 A xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso (Oia), vén de enviarnos á Redacción deste xornal dixital transfronteirizo, o seguinte comunicado:

 "O pasado día 12 de febreiro celebrouse a Asemblea Xeral Ordinaria das comuneiras e comuneiros do monte veciñal en man común de Viladesuso. Ante a ameaza que supón o proxecto do parque eólico Torroña I, que afectaría directamente aos montes das parroquias de Burgueira e Viladesuso, tratouse o asunto para informar a veciñanza e tomar decisións ao respecto.

 En primeiro lugar cabe destacar que o 18 de decembro de 2020 publicouse na páxina web da Consellería de Medio Ambiente o documento  inicial do parque eólico Torroña I. Desde ese intre, a comunidade de montes informou a veciñanza da existencia deste proxecto (xa que nin a empresa nin a Xunta o fixeron) e das posibles consecuencias e conflitos que poden ocasionar, tanto para a parroquia de Viladesuso como para todo o seu entorno.

 Esta infraestrutura integraría catro aeroxeneradores de 230 metros cada un na súa cota máis alta, situados a menos de 800 metros das vivendas do barrio de Os Preáns e do Sobral, e a menos de 2.000 metros do Camiño de Santiago pola costa. En canto o lindeiro proposto como poligonal do parque, afectaría a máis da metade da parroquia, que pasaría a formar parte do propio polígono. 

 As afeccións e consecuencias máis relevantes que implicaría a posta en marcha deste proxecto, que non as únicas, serían:

 Sobre os acuíferos e mananciais dos que se abastecen as persoas e negocios da zona. Tanto as obras de construción das plataformas e liñas de evacuación coma a posterior posta en funcionamento dos aeroxeneradores poñen en risco un recurso básico para a vida, que é a auga. Todos os veciños ven con fonda preocupación esta ameaza de cara ó abastecemento sostible da traída veciñal. Esta comunidade de usuarios de augas esta formada por máis de 220 enganches de vivendas e negocios, entre os que se inclúen dous hoteis, dous restaurantes, unha cafetería, dúas tendas/bar, dous albergues de peregrinos e unha gasolineira.

 Nun contexto de cambio climático, de secas cada vez máis prolongadas e choivas máis escasas, este tipo de proxectos alteran e poñen en risco os acuíferos e seu entorno, provocando impactos por exemplo nos cabalos salvaxes, os “garranos” que pacen pola nosa serra e teñen nestes regatos e charcas un recurso fundamental nas épocas máis secas do ano, e sabendo que é un patrimonio vivo que corre grave risco de desaparición pola falta de conservación e destrución  dos hábitats como xa demostraron investigadores da Universidade da Coruña en estudos recentes ante a Comisión Europea, sería irresponsable contribuír a súa desaparición.1

 Paixasísticamente, o impacto visual que supón unha fileira de aeroxeradores de 230 m polo cumio dun monte da costa, ao pé do cal transcorre o Camiño de Santiago é inaceptable e a calidade de vida da que agora a veciñanza desfruta, veríase afectada de maneira irreversible polo continuo zumbido das pás e o ruído dos engranaxes da maquinaria, que co paso dos anos será maior.

 O impacto sobre o rico patrimonio que atesoura o noso monte: mámoas, castro, petróglifos e que é sistematicamente infravalorado e incluso ignorado  nos proxectos coñecidos.

 A exposición ao público dos parques eólicos Albariño I e Merendón na Serra da Groba, e outros moitos ao longo do país, están provocando unha forte oposición a instalación de novos proxectos por moitos motivos, entre eles, a escasa transparencia e información, as prácticas fraudulentas e intimidatorias por parte das empresas eólicas 2, as sentenzas xudiciais desfavorables contra diferentes parques 3, a falta de garantías e a perda de dereitos das comunidades locais4, a falta de avaliación ambiental, patrimonial e socioeconómica 5.

 Incluso as críticas de entidades como o Observatorio Eólico de Galicia 6 ou Consello da Cultura Galega 7 poñendo en evidencia o Plan Eólico de Galicia, mostran que algo non se esta facendo ben. Por todo o exposto e  ante esta realidade a Asemblea da Comunidade de Montes de Viladesuso acordou  de forma unánime:

1. Rexeitar a construción do parque eólico Torroña I no seu monte e de calquera outro proxectado na Serra da Groba. 

2. Apostar por un desenrolo das enerxías renovables baseado nu modelo participativo e xusto dende o punto de vista social, económico e ambiental, rexeitando o modelo actual que só busca o beneficio das grandes empresas  a costa do expolio e a degradación dos nosos montes".

 

PATRIMONIO NATURAL E CULTURAL DA VECIÑANZA COMUNEIRA




1.https://www.farodevigo.es/sociedad/2021/12/10/expertos-gallegos-alertan-europa-riesgo-60497633.html

2.https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/2241945/ecologistas-manifiestan-dudas-sobre-legalidad-fragmentacion-parques-eolicos-greenalia

3.https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/3253796/tsxg-anula-acuerdo-xunta-modificar-parque-eolico-serra-do-oribio

4.https://praza.gal/politica/o-tsxg-anula-a-repotenciacion-dun-eolico-en-corme-e-advirte-a-xunta-de-que-a-sua-norma-para-aceleralos-salta-a-lei-da-ue

5.http://xornaldevigo.gal/economia/81568-os-parques-eolicos-non-melloraron-a-vida-dos-vecinos-no-rural-en-galicia/

6.https://www.eldiario.es/galicia/expertos-acusan-xunta-abrir-negocio-eolico-suelo-rustico-proteccion-galicia_1_7919633.html

7.http://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4437

Ningún comentario:

Publicar un comentario