16 de feb. de 2022

VIGO

Persoal de ZF Dalphimetal de Vigo marcha en manifestación  polo polígono do Caramuxo para desbloquear o convenio 

A maioría do comité de empresa acusa a compañía da automoción de non  achegar propostas e de dilatar novamente o proceso de negociación 


Boa parte do cadro de persoal de ZF Dalphimetal, con sede en Vigo, percorreu hoxe en manifestación o polígono do Caramuxo, no que se atopan as instalacións da compañía 

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Boa parte do cadro de persoal de ZF Dalphimetal, empresa da automoción con sede en Vigo, percorreu hoxe en  manifestación o polígono do Caramuxo -no que se atopan as instalacións da compañía- para forzar a dirección a  desbloquear as negociacións para pactar un novo convenio colectivo. A maioría do comité acusa a Dalphimetal de presentarse nas xuntanzas sen ningún tipo de contraproposta e de intentar dilatar novamente as conversas. 

 A mobilización de hoxe fai parte do calendario de protestas iniciado o pasado 19 de xaneiro cunha concentración  nos exteriores da empresa, despois de que a dirección comunicase que non vai presentar máis propostas  alegando que as posturas se atopaban demasiado lonxe. 

 Dende a sección sindical da CIG en Dalphimetal explican que nun primeiro momento a compañía non tiña  intención de negociar a renovación do convenio -que leva caducado dende 2019- senón unicamente a  actualización salarial, pero a presión da representación sindical obrigouna a negociar o convenio na súa  totalidade. “CCOO mantívose á marxe en todo o proceso porque lle valía a proposta da empresa, pero o resto  -CIG, UGT e CUT- forzámola a sentarse”. 

 Mais a última proposta de suba salarial non satisfai en absoluto as pretensións do cadro de persoal, xa que a  empresa pretende un incremento de soldos do 0% para 2020, do 1% en 2021, do 0,25% en 2022 e do 1,50% en  2023. “Isto supón que en catro anos os salarios subirían unicamente un 3,75%, unha cantidade claramente  insuficiente tendo en conta o incremento do custe da vida neste período”. 

 Finalmente, dende a maioría da representación sindical denuncian os intentos de Dalphimetal por entorpecer as  negociacións, xa que acudiu á última xuntanza celebrada o pasado día 8 sen ningún tipo de contraproposta ás  reclamacións da parte social, ademais de volver dilatar o proceso ao non convocar unha reunión até mañá, é dicir, nove días despois da última

Ningún comentario:

Publicar un comentario