4 de feb. de 2022

REDONDELA

A CIG convoca unha mobilización para reclamar o pago dos salarios do persoal de seguridade do CAPD de Redondela 

A adxudicataria do servizo neste centro do Xunta, Mersant Vigilancia, aínda  non abonou as nóminas de decembro de 2021 nin de xaneiro de 2022  


Centro de Atención de Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela
Foto: CIG

Infogauda / Redondela

 A federación de Servizos da CIG vén de convocar unha mobilización para reclamar o pago dos salarios do persoal de seguridade do Centro de Atención de Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela, ao que a empresa  adxudicataria do servizo neste centro da Xunta, Mersant Vigilancia, aínda non lle abonou as nóminas de decembro  de 2021 nin de xaneiro de 2022. A protesta terá lugar diante das instalacións do centro, no Camiño do Gaio, 23, en  Chapela, este martes día 8 de 10:30 a 12:00 horas. 

 Dende a central sindical denuncian a situación “totalmente inasumíbel” na que se atopan os traballadores/as, que  permanecen sen cobrar a pesar de seguen a cumprir cos seus deberes e obrigas laborais “mentres a Consellería de  Política Social, a Inspección de Traballo e a propia Xunta miran cara a outro lado a pesar das reclamacións da CIG  para que se rescinda o contrato coa empresa polo incumprimento das condicións do concurso”. Ademais, canto máis tempo pase e máis débeda se acumule máis complicado vai ser atopar unha compañía que queira facerse cargo do  servizo “porque tería que asumir os salarios pendentes”.  

 Precisamente a CIG dirixiuse á Consellaría para denunciar as irregularidades e incumprimentos do prego de  condicións do concurso do servizo de seguridade de todas as instalacións dependentes de Política Social no  conxunto de Galiza. En concreto, os centros afectados na provincia de Pontevedra son o CAPD de Redondela, a  residencia xuvenil Altamar, o centro de menores Avelino Montero e CRAPD de Vigo I e II. 

 A CIG-Servizos leva tempo advertindo sobre a situación temeraria dos últimos contratos da Xunta en materia de  seguridade, “que non se preocupa polo tipo de empresas ás que lles adxudica os servizos, como no caso que nos  ocupa, xa que Mersant Vigilancia leva con problemas de abono dos salarios dende que resultou adxudicataria,  incumprindo o convenio colectivo ao pagar sempre fóra de prazo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario