17 de feb. de 2022

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA REPARTE 200.000 EUROS PARA CREAR, MANTER E REFORZAR OS SERVIZOS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DOS CONCELLOS DA PROVINCIA  

A deputada de Lingua, María Ortega insiste na necesidade de promover áreas municipais estables que “defendan e promovan a lingua galega de maneira continuada”

   

María Ortega Iñarrea, deputada do servizo de patrimonio documental e bibliográfico, memoria histórica e lingua

Foto. D.PO.



Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as subvencións para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) dirixidas aos concellos e outras entidades locais da provincia para o ano 2022 cunha inxección de 200.000 euros.   

 Segundo a deputada de Lingua, María Ortega Iñarrea, o obxectivo da Deputación ao aprobar as axudas é promover áreas municipais propias (SNL) nos concellos “que traballen de xeito estable e defendan e promovan a lingua galega de maneira continuada e non só a través de accións e actividades puntuais en datas sinaladas do ano”.   

 A nacionalista apunta que o fomento do galego “non pode ser cuestión dun día” e que as administracións locais deben facer un esforzo por  xeneralizar o uso do galego como principal lingua de traballo coas persoas administradas, así como promover e dinamizar a lingua na sociedade en xeral.  

 As bases das subvencións para este 2022 vanse publicar o vindeiro luns no BOPPO, polo que todos os concellos que teñen intención de poñer a andar un SNL saberán en breve se van contar con inxección de fondos provinciais e a súa contía.    

 Ortega explica que poderán ser obxecto de subvención non só a creación do servizo de normalización lingüística, senón tamén o mantemento ou o reforzo, no caso de concellos que xa dispoñan do servizo e queiran melloralo con máis persoal ou incrementando a xornada laboral.  

 As contías das subvencións chegarán ata 20.000 euros para cada un no caso da creación e reforzo, podendo supoñer o 100% do custe do persoal a xornada completa, e só o 80% no caso de mantemento. Como compromiso principal, as entidades solicitantes comprométense a ter en activo o SNL nas mesmas ou mellores condicións das existentes no momento de solicitar a axuda por un período mínimo de dous anos.  

 En xeral, as funcións dos servizos de normalización lingüística que se acollan a esta convocatoria, tanto internas como externas, serán asesorar a Administración municipal na procura do incremento do uso e prestixio da lingua galega; velar polo cumprimento da lexislación lingüística por parte da institución e por garantir os dereitos lingüísticos á cidadanía; fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade; propoñer programas dinamizadores e accións concretas que conciencien a sociedade respecto ao uso e prestixio da lingua galega, e a impliquen no proceso normalizador; fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social; planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos, tanto para o persoal da administración como para a poboación en xeral ou para os diferentes sectores sociais; ou mellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración, entre outras. 

 Ao igual que xa aconteceu nas dúas edicións pasadas desta convocatoria os concellos solicitantes terán permitido optar tamén á vindeira liña de axudas da Deputación para o fomento de actividades ou programas de dinamización. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario