Os Bolechas e Grelo poñen en marcha un Concurso Escolar de Entroido con moitos premios
• A empresa galega de telecomunicacións colabora na nova iniciativa dos Bolechas para animar a celebración do Entroido nos centros escolares de Galicia
• Desde o 21 de febreiro ata o 4 de marzo poderán enviarse fotos relacionadas co entroido das aulas de infantil e primaria que entrarán no sorteo de diversos premios
Teresa Rocamonde / Santiago de Compostela
Os Bolechas e Grelo Comunicación poñen en marcha un Concurso Escolar de Entroido para centros de infantil e primaria de toda Galicia. A participación é moi sinxela. As aulas que desexen participar deberán enviar unha foto relacionada co Entroido acompañada dun título ao correo electrónico: osbolechas@osbolechas.com.
Pode ser unha foto da clase disfrazada ou traballando calquera tema relacionado co carnaval, un detalle do entroido, un disfrace da zona, un prato típico destas datas… Todo vale con tal de coñecer como están celebrando as nenas e nenos de Galicia esta data tan divertida.
Algunhas das fotos serán publicadas nas redes sociais dos Bolechas pero todas as enviadas recibirán un diploma de participación e entrarán no sorteo de 20 fantásticos agasallos, entre os que hai material informático, discos dos Bolechas e lotes de libros da popular familia.
O prazo para enviar as fotos estará aberto desde o luns 21 de febreiro ata o venres 4 de marzo. A continuación farase o sorteo entre todas as fotos recibidas. Máis información na páxina web dos Bolechas.
Os Bolechas e Grelo Comunicación agardan polas fotos do Entroido Escolar de Galicia!
Ningún comentario:
Publicar un comentario