22 de feb. de 2022

O ROSAL

O Rosal aprende a establecer límites na crianza co programa Educando en Familia  

A iniciativa continúa este venres 25 de febreiro (19.00 h) cunha nova charla a cargo da psicóloga Fátima Rodríguez Marcos  




Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal continúa este venres 25 de febreiro co programa ‘Educando en familia’, un espazo creado para que pais e nais poidan atopar resposta a moitas das inquedanzas que se dan no día a día da crianza, “un espazo onde escoitar e ter en conta as necesidades sobre educación das familias rosaleiras, dándolle as ferramentas necesarias para poder afrontalas”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 Este venres a psicóloga Fátima Rodríguez Marcos falará coas familias sobre ‘Onde está o límite?’, unha charla na que se abordará como o establecemento de límites na educación pode mellorar a dinámica familiar. Nela, a psicóloga achegará ao público asistente as claves para facer valer eses límites e as ferramentas para poder marcalos de xeito construtivo dende o respecto á identidade dos nenos e nenas. 

 A charla celebrarase ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada libre ata completar aforo, aínda que pode facerse inscrición previa para reservar praza. Para facilitar a asistencia, o Concello pon a disposición das familias un servizo de canguro para o que si é necesaria a inscrición previa. Este servizo terá lugar sempre que se cubran un mínimo de 5 prazas. 

 A rexedora anima a veciñanza a participar nestas actividades e “a trasladar todas as suxestións e dúbidas que xorden cando unha familia está en plena crianza, porque educar é unha tarefa complexa para a que non temos manual de instrucións e que pode xerar moita inseguridade e medos nos pais e nais”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario