22 de feb. de 2022

O ROSAL

O Rosal celebrará o Entroido con música, xogos e espectáculos para toda a familia  

O Concello suspende o tradicional desfile por falta de participantes e prepara actividades en Novás e Fornelos  

Unha exposición nas prazas de San Xián, Novás e Fornelos recollerá fotos antigas do Entroido rosaleiro  




Infogauda / O Rosal

 O Rosal quenta motores para unha nova edición do Entroido. O Concello viuse na obriga de suspender o tradicional desfile previsto para este domingo 27 debido á falta de persoas e grupos inscritos, “xa que pola situación sanitaria a maioría das carrozas, comparsas e grupos que participaban habitualmente non puideron traballar nos disfraces e nas postas en escena á que nos teñen acostumadas e acostumados”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 Para continuar festexando o Entroido, o Concello organiza tres días de música, xogos e espectáculos en familia cos que levar esta celebración aos barrios con máis tradición carnavalesca, Novás e Fornelos. “Dende o Concello achegamos o noso gran de area para levar estes días alí a ledicia propia do Carnaval. Queremos agradecer o traballo feito todos estes anos polas comisións de Entroido de Novás e Fornelos e agardamos que o vindeiro ano podamos celebralo con total normalidade”, salienta. 

 Deste xeito, o luns 28 de febreiro, rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar de balde na Escola Unitaria de Fornelos de xogos tradicionais de 16.00 a 18.00 horas e do espectáculo clown ‘Bambolina’ para público familiar ás 18.00 horas. Xa o martes 1 de marzo, a Praza de Novás acollerá o espectáculo musical ‘Paporrubio’, pensado para todos os públicos. 

 Ademais, o Concello colabora coas dúas comisións de festas para levar a música aos barrios. O grupo Airiños do Folón será o encargado de realizar o pasarrúas por Fornelos polas tardes de 17.00 a 19.30 horas, mentres que en Novás a nota musical será posta polo grupo Trebón dos Xidos o martes de Carnaval. 

 As actividades completaranse cunha exposición de fotografías antigas do Entroido do Rosal que poderán verse nas prazas de San Xián, Novás e Fornelos grazas á colaboración de veciños e veciñas de San Xián, de Novás e da asociación de veciños Río Folón de Fornelos, de Juan Ramón Martínez Barbosa e Luis Dorado Senra. A mostra será ao aire libre e estará aberta ao público dende o venres 25 de febreiro ata o luns 14 de marzo. 

 O Concello tamén quere amosar o seu agradecemento ás persoas que achegaron fotografías dos seus arquivos para facer posible esta exposición, así como o traballo de Xoán Carlos Gándara González, que preparou unhas siluetas de fotografías para que aquelas persoas que o desexen poidan identificar aos veciños e veciñas que saen nas imaxes e colocar a carón delas o seu nome.

Ningún comentario:

Publicar un comentario