22 de feb. de 2022

TOMIÑO

Accesibles os resultados, unidades didácticas e boas prácticas do programa “Play2Grow”  

Tomiño participou durante dous anos neste proxecto Erasmus+ xunto a institucións de Portugal e Italia co fin de promover a cultura musical  


Mediante un proxecto Play2Grow, estudantes e profesorado da Escola de Música de Goián intercambiaron experiencias co Space Ensemble (Paredes de Coura. Portugal) e a Fondazione Maria Ida Viglino per la cultura musicale do Val de Aosta Italia)
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O proxecto Erasmus+ Play2Grow, no que participou o Concello de Tomiño nos dous últimos anos xunto a outros  concellos, entidades e escolas de música de Galicia, Portugal e Italia, xa finalizado, ten xa dispoñibles os seus resultados en https://play2grow.eu, onde pode atoparse ademais exemplos de boas prácticas e recursos para aprender habilidades e valores a través da música, tales como, poñer en marcha campamentos musicais, promover e xestionar un grupo, ou impulsar a cultura musical na comunidade. 

 Os responsables do proxecto animan tamén a coñecer as unidades didácticas correspondentes, xa que o acceso aos diferentes cursos é libre e de balde, rexistrándose como usuario/a en: https://hub.play2grow.eu/ 

 O proxecto comezou a finais de 2019 como un programa Erasmus+ da Comisión Europea para o desenvolvemento de prácticas innovadoras e execución de iniciativas conxuntas de aprendizaxe no ámbito da mocidade a escala europea, permitindo que diferentes organizacións poidan reforzar redes de traballo e a súa capacidade de actuación transnacional, compartindo ideas, prácticas e métodos. 

 Mediante un proxecto Play2Grow, estudantes e profesorado da Escola de Música de Goián intercambiaron experiencias co Space Ensemble (Paredes de Coura. Portugal) e a Fondazione Maria Ida Viglino per la cultura musicale do Val de Aosta Italia). Entre outras actividades, realizáronse unha residencia dunha semana en Paredes de Coura para alumnado das tres escolas de música participantes; sete días dun seminario de intercambio entre profesorado, e varias reunións internacionais presenciais e online. 

 O proxecto recolle agora na súa páxina web un conxunto de boas prácticas e unidades didácticas que permitirán a calquera persoa ou entidade interesada, replicar experiencias de traballo educativo a partir da música ou facilitar a rapaces e rapazas que comezan, métodos e coñecementos para xestionar ou promocionar a súa banda ou grupo musical.

Ningún comentario:

Publicar un comentario