2 de feb. de 2022

O ROSAL

SANTIAGO VELAYOS, VECIÑO DE NIGRÁN, GAÑADOR DA 3ª MACROCESTA DO ROSAL 

Os xerentes da cafetería rosaleira Skape 30, Dani Rodríguez e Celia Carrera, repartiron por fin os agasallos desta terceira edición da Macrocesta, que tivo o seu culmen xa de tarde nas instalacións de Celtamotor


O gañador, Santiago Velayos Mackinlay - no centro da imaxe - cos xerentes da cafetería rosaleira, Dani Rodríguez e Celia Carrera


Juan Ramón Martínez Barbosa / O Rosal

 Logo de agardar máis dun mes, a Macrocesta de Nadal de Skape 30, valorada en máis de 25.000 euros, xa ten dono. Tras non aparecer o primeiro número do sorteo (75710) que tiña  de prazo ata o 31 de xaneiro, o premio da rifa, regulada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, pasou ao segundo (75169). 

 Onte, martes 1 de febreiro, o gañador Santiago Velayos Mackinlay, veciño de Nigrán,  residente en Vigo, de 25 anos e posuidor dese último número, achegouse de mañá ata O Rosal para o acto de entrega de todos os produtos da Macrocesta (a TV de 55", unha secadora, a Play Station 4, un ordenador portátil, un xamón, un cambio de rodas de 300 €, etc).  


                                                         Dani Rodríguez e Celia Carrera con Santiago Velayos Mackinlay                      

Dani Rodríguez e Celia Carrera, con Santiago Velayos, na  compaña de Álex e Tin, membros da directiva do club Moteiros do Baixo Miño e de Juan, de Celtamotor

 

 Os xerentes da cafetería rosaleira, Dani Rodríguez e Celia Carrera, repartiron por fin os agasallos desta terceira edición da Macrocesta, que tivo o seu culmen xa de tarde nas instalacións de Celtamotor, en Vigo. Alí, na cidade olívica, os promotores da rifa entregaron  as chaves da flamante BMW 1000 cc a un pletórico Santiago, embargado pola emoción, na  compaña de Álex e Tin, membros da directiva do club Moteiros do Baixo Miño e do propio  Juan, de Celtamotor. 

 O gañador da Macrocesta, que é moteiro e traballa de camareiro nun restaurante en  Vigo, confesa que “o conseguir estes premios e sobre todo a moto BMW, é un soño. Esperei uns días a ver se aparecía o primeiro número e xa chamei a Dani e Celia para confirmarlles que tiña o segundo número do sorteo”.  

 Dende a cafetería Skape 30 queren agradecer un ano máis a todas aquelas persoas que colaboraron nesta Macrocesta, tanto mercando rifas como na axuda e organización de todos os eventos realizados, tendo unha mención especial para os medios de comunicación que se  fixeron eco desta novidosa iniciativa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario