1 de feb. de 2022

O ROSAL

O Concello do Rosal e a Deputación de Pontevedra asinan o convenio que impulsa a transformación da Praza do Calvario  

A administración provincial financia a través do Plan ReacPon o 34% do custo desta ambiciosa actuación de máis de 1,5 millóns de euros  

 

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, asinaron este martes en Pontevedra o convenio para levar a cabo a reforma integral da praza do Calvario

Fotos: Rafa Estévez

Infogauda / O Rosal

 A transformación da Praza do Calvario para convertela nun espazo amable para as persoas, cun marcado carácter peonil e accesible xa está dando os seus primeiros pasos, unha ambiciosa actuación que será unha realidade grazas ao Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e a presidenta da institución provincial, Carmela Silva Rego, asinaron este martes en Pontevedra o convenio para levar a cabo a reforma integral da praza, que suporá un investimento de 1,5 millóns de euros, dos que a Deputación achegará case 518.000 euros e o Concello máis dun millón de euros para o que xa se presentou a fondos europeos do Next Generation a través do IDAE. A intervención permitirá dotar de identidade á Praza do Calvario, poñendo en valor os elementos patrimoniais da contorna e xerar espazos públicos de alta calidade para a veciñanza.


Momento da sinatura do convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello do Rosal
 

 A rexedora agradeceu á Deputación a posta en marcha do ReacPon, un plan que “aposta pola reactivación económica a través de políticas expansivas” do que destacou que “é un apoio fundamental para poder facer realidade de xeito sostible un proxecto tan transformador como é a recuperación e  transformación da praza do Calvario, mellorando e cambiando o modelo para poñer ás persoas no centro da política e da xestión, recuperando e democratizando o espazo público e revalorizando a  nosa contorna patrimonial”.  “É un exemplo e é un orgullo poder dicir que hai administracións como a Deputación que contribúen e facilitan aos concellos empoderarse e transformar a realidade dende a proximidade. Temos poucos recursos pero moita vontade”, recordou Fernández Callís. 

 Pola súa banda, a presidenta Carmela Silva destacou que “este interesante e potente proxecto vai supoñer un antes e un despois para O Rosal”, nunha contorna situada no centro da vila que conta con “grandes valores patrimoniais”. “Trátase de moito máis que reformar e rehabilitar, xa que falamos de poñer en valor un lugar central da vila creando un espazo amable, de convivencia, máis democrático, onde acontezan cousas, onde a xente se relacione e poida haber cultura, deporte e outras manifestacións humanas”. Tamén asegurou que coa reforma da praza “imos conseguir que a xente do Rosal viva mellor, sexa máis feliz e teñan máis oportunidades de convivencia”, xa que se “recupera espazo para a veciñanza, cambiando o modelo onde os vehículos deixan de ser protagonistas e as persoas se converten no centro”. 

O proxecto 

 A praza do Calvario é o centro social e administrativo do concello do Rosal que funciona, na actualidade, como “rotonda-aparcadoiro”. Con esta actuación, que empregará materiais construtivos que preserven e potencien o seu carácter patrimonial e arquitectónico, vaise transformar por completo, reforzando este espazo como centro de convivencia da veciñanza e punto de revitalización urbana e comercial a través dun deseño de praza unitario, atractivo, flexible, novo e dinámico que pon en valor a historia da vila e o seu patrimonio.  

 A renovada praza integrará varios ámbitos destinados ao concello, a Igrexa, o mercado, a Cámara Agraria ou as terrazas que estarán interrelacionados por un espazo central, con zonas verdes.  Destacan, por exemplo, a zona da contorna do mercado, que regresará ás súas orixes plantando árbores de gran porte que van recordar ás sobreiras que aí había a principios do século XX; ou a da zona central, preto do concello, onde se proxecta un elemento elevado, a modo de escenario, que servirá para reinterpretar o templete de música que tiña a praza nos anos 20 e que foi derribado. Amais, este elemento elevado farase en ladrillo artesán en recordo ao oficio, hoxe desaparecido, dos “cabaqueiros”, que eran produtores de tellas e ladrillos cerámicos que traballaban na zona. 

 O proxecto contempla tamén a reordenación do tráfico na contorna; a eliminación das prazas de aparcadoiro e a creación dun novo próximo ao cemiterio; a creación dunha barreira visual vexetal na esquina norte da praza para tapar as traseiras de edificios; a renovación das redes de saneamento, abastecemento, pluviais, telecomunicacións e eléctricas; a instalación de iluminación eficiente e nova sinalización; e a colocación de mobiliario urbano e de novos elementos vexetais. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario