27 de feb. de 2022

ECONOMÍA

Orpagu saca a licitación por máis de dous millóns de euros a subministración e instalación do frío e electricidade na súa planta de Tui  

• Os palangreiros guardeses apostan por unha nave de procesado e elaborados “verde”, reducindo ao máximo as emisións e o custo enerxético.  

Cun investimento de máis de seis millóns de euros, a planta frigorífica é o proxecto máis ambicioso dos palangreiros guardeses nos seus 25 anos de vida e responde á aposta dos seus socios por potenciar e diversificar a súa actividade.  


Infografía da nave de Orpagu no parque empresarial de Areas
Fonte: Orpagu


Infogauda / A Guarda

 A Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) vén de sacar a licitación privada a subministración e instalación de frío industrial (1), do aparataje eléctrico de media e baixa tensión e fotovoltaico (2) e dos andeis móbiles con raíles (3) para a súa nave en Tui. Unha operación que supera os dous millóns de euros e na que as empresas poden optar a un ou varios lotes, sendo o primeiro de 1.561.333,34 euros (+IVE); o segundo de 370.000 euros (+IVE) e o terceiro de 242.068,49 euros (+IVE). Este equipamento converterá á planta de procesado e elaborado da organización nun espazo “verde”, indo un paso máis aló das esixencias ambientais oficiais e sendo un exemplo de innovación e eficiencia. 

 De feito, os paneis solares que se instalarán na nave producirán ao redor de 150.000  kw/hora anuais, o que supón entre un 10 e un 15% de redución nos custos enerxéticos dunha planta destas dimensións. Así mesmo, e con esa idea de eficiencia e sustentabilidade que rexe a actividade de Orpagu, os refrixerantes que se utilizarán serán totalmente naturais nunha contorna de equipos de última xeración.  

 O ascensor/elevador da planta, pola súa banda, tamén presenta importantes avances que facilitarán o seu funcionamento mesmo no caso de que houbese un fallo enerxético, xa que se recarga só co propio movemento grazas á súa conexión autónoma coas placas fotovoltaicas.  

 Cun investimento final de seis millóns de euros, a planta e centro de I+D está situada no parque empresarial de Areas (Tui), polo que ten acceso directo á A55 e á Vía Tui-A Guarda. A nave albergará un almacén frigorífico con capacidade para 3.000 toneladas de peixe e unha aula de experimentación para traballar en novos produtos e formatos coa intención de chegar ao maior número de consumidores posible. Desde  Orpagu, prevén xerar máis de 30 postos de traballo directos no Baixo Miño cando a planta estea a pleno rendemento, o que se estima que suceda no último trimestre deste ano.  

Orpagu segue conquistando mercados 

 A Organización de Palangreiros Guardeses involucrouse hai anos na comercialización dos seus produtos, incluída a directa ao consumidor, así como nos seus procesos de transformación. O éxito da súa tenda e da venda en liña e a boa acollida das novas presentacións de peixe espada e atún contribuíron a fortalecer a súa marca en España, Estados Unidos, Reino Unido, Suíza, Italia, Dinamarca, Holanda, Portugal e Alemaña. 

 A nave de Orpagu conta con financiamento europeo e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e responde fielmente aos principais obxectivos que rexen o FEMP (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca): axuda aos pescadores na transición á pesca sostible; colaboración coas comunidades costeiras para diversificar as súas economías; e apoio a proxectos que cren emprego e melloren a calidade de vida da poboación no litoral.

Ningún comentario:

Publicar un comentario