O ano comezou en Galiza cun incremento do paro e cunha forte caída da afiliación á Seguridade Social
Unicamente o 16% dos máis de 70.000 contratos rexistrados no mes de xaneiro foron baixo algunha modalidade indefinida
Infogauda / Galiza
“Tras o espellismo provocado pola campaña de Nadal, o ano comezou en Galiza amosando a verdadeira faciana do mercado laboral, co paro e a temporalidade na contratación como principais características. O pasado mes de xaneiro o noso país rexistrou un aumento do desemprego do 0,88%, mentres que a afiliación á Seguridade Social descendeu un 1,05%”. Esa é a análise que vén de facer pública a CIG
Deste xeito, segundo os datos de paro rexistrado que se veñen de coñecer, o total de persoas anotadas como desempregadas sitúase en 153.584, mentres que a media de afiliacións á Seguridade Social é de 1.021.784, o que representa un descenso de 10.831 persoas con respecto a decembro.
O mercado laboral galego volveu experimentar un peor comportamento (con 1.348 persoas paradas máis) que o estatal, onde o medre do desemprego foi do 0,55%. Ademais, a caída da afiliación media no noso país superou en oito veces o aumento do desemprego.
Esta baixada do número de persoas afiliadas afectou a todas as provincias, pero os maiores descensos rexistráronse nas provincias da Coruña e de Pontevedra. Do medre do desemprego tan só se librou a de Pontevedra, e os maiores incrementos rexistráronse nas da Coruña (1,5%) e Lugo (1,94%).
Aínda que o desemprego aumentou tanto entre os homes como entre as mulleres, entre as mulleres os indicadores son máis negativos. E a nivel sectorial, o que marcou a tendencia negativa neste último mes foi o sector servizos, no que se rexistraron 2.133 persoas paradas máis, un incremento do 2%. No resto dos sectores descendeu o desemprego.
No que atinxe á contratación, rexistráronse 70.942 contratos, dos que unicamente o 16,1% foi de carácter indefinido. En canto ás persoas que permanecen en situación de ERTE, o último día de xaneiro contabilizábanse 5.330 (2.866 mulleres e 2.358 homes), das que 4.423 estaban en ERTE derivado da covid.
Efectos perversos da reforma laboral
Para o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, os datos amosan xa os efectos máis perversos da nova reforma laboral antes incluso da súa presumíbel aprobación definitiva. A contratación temporal continúa por enriba do 80%, mentres que a indefinida aumenta máis nas modalidades máis precarias: na indefinida parcial medra un 40% a nivel estatal, e nos fixos descontinuos increméntase un 50%. “Esta última modalidade de contratación indefinida non é máis que agochar contratación eventual baixo o eufemismo de fixo descontinuo”, denuncia.
Ademais, sinala que o 68% da contratación indefinida do noso país rexistrouse no sector servizos, que é onde se agochan as maiores bolsas de precariedade laboral.
Finalmente, o responsábel sindical pon o acento tamén sobre o elevado número de persoas traballadoras que se atopa aínda en ERTE, “o que vén a demostrar que a reforma laboral estableceu o ERTE como unha ferramenta de flexibilidade para as empresas a conta da prestación de desemprego das persoas traballadoras”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario