2 de feb. de 2022

ECONOMÍA

Convocan novas protestas coincidindo con outras dúas xornadas  de folga por un convenio digno no sector das conservas de peixe 

Haberá mobilizacións en Vilagarcía, Vigo e Boiro este xoves 3 e o venres 4 



Infogauda / Galiza

 As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT desenvolverán novas protestas en Vilagarcía, Vigo e Boiro coincidindo coas outras  dúas xornadas de folga convocadas no sector das conservas de peixe este xoves 3 e o venres 4 para reclamar un  convenio colectivo digno. 

 A manifestación de Vigo terá lugar dende a Xunta até a sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) ás  10:00 horas, mentres que as mobilizacións de Vilagarcía (na Praza de Galiza) e Boiro (diante do Concello) comezarán ás  12:00 horas. As protestas repetiranse nas mesmas localizacións e horarios tanto o xoves como o venres, aínda que a  protesta do venres en Vigo consistirá nunha concentración diante da CEP ás 10:00 horas. 

 Dende a FGAMT-CIG fan un chamamento ao persoal do sector tanto a secundar a folga como a participar nas  concentracións na defensa dos seus dereitos laborais, de igual xeito que fixo na o pasado 21 de xaneiro ao secundar  masivamente os paros convocados e acudir ás mobilizacións. 

 En consecuencia, na central sindical instan a patronal a “tomar nota” do éxito rexistrado pola folga a pesar dos intentos  do empresariado por facela fracasar, mesmo distribuíndo comunicados polas compañías e facendo contracampaña  contra os sindicatos, “algo totalmente inédito no sector”. Por iso consideran que “teñen que escoitar” as demandas do  persoal sector, “que o pasado día 21 amosou o seu enfado por como se está a levar a negociación do convenio”. 

 De feito, foi a patronal a que decidiu suspender de xeito unilateral a seguinte xuntanza da mesa de negociación, prevista para o pasado día 27. “Poñen como escusa a folga, pero o certo é que levamos un ano de contactos e a parte social  sempre se amosou disposta a negociar”. Por iso cualifican de erro que o empresariado rache unilateralmente a mesa de  negociación “porque entendemos que o fai como represalia pola convocatoria, que é un dereito fundamental da clase  traballadora”. 

Incremento salarial de miseria 

 A CIG entende que non se pode firmar un convenio por debaixo do IPC real, tal e como pretende o empresariado. “Se o  IPC de 2021 a nivel estatal foi do 6,5% e a patronal está a ofrecer para ese ano unha suba do 2,25% a perda de poder  adquisitivo está moi clara”. Para 2022 ofrece un 3%, para 2023 un 2,20% “e para 2024 propón unha fórmula que impide  que saibamos canto vai ser a suba real”. 

 Por iso nas asembleas celebradas nas empresas para abordar a convocatoria de folga “percibimos un descontento  importante entre os cadros de persoal porque a patronal está a escusarse na suba do prezo da electricidade para  ofrecer un incremento salarial de miseria”. Diante disto, lamentan que a patronal pague deste xeito o esforzo e o  compromiso do persoal dun sector que foi esencial durante a pandemia e que lle permitiu ao empresariado elevar os  seus beneficios durante este período. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario