17 de feb. de 2022

A GUARDA

A Guarda súmase á conmemoración do Día de Rosalía de Castro o 23 de febreiro  

Un deseño orixinal da artista Irene Silva centra a homenaxe, unificando as actividades didácticas en colexios e o reparto de marcapáxinas nas librerías, bares e restaurantes da Guarda tamén se suman á iniciativa Caldo de Gloria, da Casa de Rosalía  


Rosalía Total, deseño da artista Irene Silva

Infogauda / A Guarda

 O vindeiro 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía de Castro, con motivo do seu 185 aniversario. Múltiples serán as homenaxes e actos de recordo a celebrar dende diferentes institucións da xeografía galega. 

 Desde o equipo de goberno municipal, que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, veñen de facer público que "a proposta da Guarda para este 2022 articulouse baixo a mirada artística de Irene Silva e o seu deseño orixinal Rosalía Total. A artista miñorana transportou ata o Porto da Guarda a esa Rosalía alegre e colorida creando unha bela estampa que estará a disposición da veciñanza guardesa a modo de marcapáxinas. Estes marcapáxinas, que incorporan breves extractos de obras rosalianas, atoparanse na Biblioteca e nas librerías como agasallo ante o préstamo ou a compra de libros.   


Cartel conmemorativo do Día de Rosalía de Castro, 2022

 Mais o proxecto Rosalía Total chegará tamén ata as aulas da man de Irene Silva e Fátima Granja coa actividade Poesía Cantareira na que ambas artistas traballarán a obra de Rosalía de Castro a ritmo de rap, rock e tamén musica tradicional. Esta proposta percorrerá os cinco centros de primaria da localidade e o centro de educación especial San Xerome entre os días 22 ao 24.  


O proxecto Rosalía Total chegará tamén ata as aulas da man de Irene Silva e Fátima Granja coa actividade Poesía Cantareira 
Foto: C.A.G.

 Para rematar restaurantes e bares da Guarda sumáronse á campaña Caldo de Gloria que organiza directamente a Casa de Rosalía, ofrecendo á súa clientela un caldo o día 23 de febreiro, lembrando a receita do poema Miña casiña, meu lar, na que Rosalía deixara constancia da épica dos humildes. Os establecementos adheridos son: Arruaz, Art Café, As Pozas, Brétema, O Couto e O Forte".  

Ningún comentario:

Publicar un comentario