HOSTALARÍA E COMERCIO GUARDÉS REIVINDICAN UNHA COMUNICACIÓN EFICAZ E SUSTENTÁBEL ENTRE A GUARDA E CAMINHA
Infogauda / A Guarda
Na tarde deste venres día 18 de febreiro de 2022, recibimos na Redacción deste xornal dixital transfronteirizo unha nota de prensa que vén a dar conta da constitución da Plataforma Conexión A Guarda-Caminha.
"O precario funcionamento do ferry entre A Guarda e Caminha é a razón pola que o sector da hostalaría e do comercio guardés veñen de constituír nunha asemblea celebrada esta semana a Plataforma Conexión A Guarda-Caminha".
Desde a plataforma recén constituída manifestan que "hai moito tempo que se está traballando en estratexias de políticas transfronteirizas, afondando na creación das eurocidades e eurorexións; políticas de futuro enmarcadas na axenda europea con resultados ben claros cerca de nós. Eurocidades como Tomiño- Cerveira, Tui-Valença, Salvaterra- Monçao, levan dando pasos dende hai moito tempo, mentres que aquí quedamos fora entre outras razóns por carecer dunha comunicación real e efectiva con Caminha".
A Plataforma "esixe o compromiso da Xunta de Galiza e do Goberno do Estado Español para que conxuntamente co Goberno Portugués poñan en marcha unha comunicación eficaz e sustentábel entre A Guarda e Caminha que recolla tódalas necesidades dos distintos desprazamentos que se precisan. Unha proposta que a súa vez sexa respectuosa cun dos factores diferenciais da nosa zona como é o entorno natural do Esteiro do Miño".
Ningún comentario:
Publicar un comentario