O PLENO DA CORPORACIÓN MUNICIPAL DE A GUARDA ACORDOU POR UNANIMIDADE, APOIAR AO COLECTIVO PERCEBEIRO
Infogauda / A Guarda
A actividade das persoas que extraen mexilla - tamén coñecida como semente do mexillón -, das rochas do litoral marítimo, ten xerado enfrontamentos cos percebeiros, xa que segundo estes refiren, "as persoas que veñen a coller a mexilla deixan as pedras limpas. E decir, que non soio levan a mexilla, senón que raspan todo canto hai, e de nada vale que teñamos unhas zoas reservadas para recoller os percebes nas datas e épocas axeitadas (...)".
A problemática prodúcese sempre que os bateeiros precisan a semente do mexillón para encordar nas bateas, e proceder a crianza do mexillón nos correspondentes polígonos das rías galegas.
Como queira que ata agora non foi posible chegar a unha solución que satisfaga a bateeiros e percebeiros, a Confraría de Pescadores "Santa Tecla", de A Guarda, dirixiuse ao alcalde do concello de A Guarda, nos seguintes termos:
A Confraría de Pescadores "Santa Tecla" de A Guarda (Pontevedra), ante a situación xerada en torno á extracción da mexilla e do percebe, diríxese ao Concello de A Guarda e estima elevar a seguinte MOCIÓN para o seu debate con carácter de urxencia en Pleno da Corporación, e para a súa aprobación, se procede, baixo a seguinte
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O percebe é un dos produtos que xeran imaxe para o mar de Galicia, tanto polo seu valor culinario como pola súa capacidade para difundir os valores da dedicación e esforzo das persoas que o extraen, cargado de risco e tradición e tamén de rigorosidade na súa explotación, amparada desde hai anos por plans de explotación aprobados pola iniciativa e proposta do propio sector, e que constitúen, ao probado por un estudo da Universidade de Vigo, a actividade extractiva mariña máis sostible de Europa.
Nos últimos anos xerouse unha discrepancia, ás veces grave, en torno á compatibilidade da extracción do percebe e da mexilla, vinculada ao acceso e actividade dalgúns extractores da cría do mexillón en zonas onde o percebe acada alta calidade e, por tanto, alto valor comercial, sendo obxecto de coidados e planificación extraordinaria por parte das confrarías para poder ser explotado nas mellores e máis produtivas épocas do ano.
A necesidade, legal e biolóxica, que os extractores de mexilla teñen de deixar as pedras limpas ao rematar a súa actividade supón, nalgunhas áreas da costa, unha práctica incompatible coa fixación de percebe, polo que en moitas ocasións e nalgúns tramos de costa trae consigo unha incompatibilidade manifesta que pode danar a explotación do percebe.
Cabe lembrar que a extracción do percebe xera en Galicia máis de 1.050 empregos, tendo esta actividade un papel clave na socieconomía da pesca e marisqueo, ao ser o complemento económico que fai netamente rendibles moitas embarcacións de pesca costeira artesanal e que supón o ingreso principal e básico, e incluso único, para moitas outras persoas que extraen este recurso a pé, xerando un modelo único na redistribución e expansión económica dos ingresos.
Con isto, e sabendo da situación do noso sector local, é doadamente deducible que calquera dano ao recurso, especialmente naquelas zonas máis rendibles, pode xerar efectos negativos irreversibles en moitas áreas da nosa costa, que coinciden na meirande parte dos casos con zonas onde existen alternativas laborais a esta actividade escasas ou inexistentes. Amais, esta acción da extracción de mexilla en zonas altamente sensibles pode supor un desequilibrio ecolóxico para o conxunto da actividade.
O sector pesqueiro e percebeiro desta confraría non se opón á extracción de mexilla, mais entendemos que esta ha de ser regulada e trazada de forma máis efectiva, e que ha de respectar os esforzos dos percebeiros por sacar o mellor rendemento do seu traballo.
Este é o espírito tamén recollido no Decreto 153/2019, de 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas, e que foi ratificado pola sentenza 415/2021 da sección segunda da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ante o recurso interposto por varias entidades representativas de bateeiros.
Entendemos que esta situación de discrepancia debe e pode ser resolta coa debida negociación entre as partes, que xa se intentou en novembro e decembro de 2020, pero na que non caben nin desplantes nin coaccións a esta parte, xa que se debe respecto ás confrarías e ás súas federacións en canto a que representan a un sector clave en moitas economías locais e no xeral de Galicia como é o da frota de baixura e litoral e ao marisqueo, que por xunto facturan máis de 119 millóns de euros e que realizan unha actividade plenamente sostible, tal é como acredita a Sustainable Fisheries Partnership, cando apunta a que Galicia é exemplar en pesca artesanal e que formula un modelo exportable a todo o mundo.
Por todo o descrito, proponse a adopción do seguinte ACORDO no que o Pleno da Corporación de A Guarda estima:
1. Amosar o seu apoio ao colectivo percebeiro integrados nas entidades con sede no termo municipal, ante a situación de discrepancia xurdida en relación á extracción de percebe e mexilla e ante as desconsideracións vertidas cara ao seu traballo e labor organizativo.
2. Demandar o establecemento dun proceso de negociación e diálogo no que se manteña o respecto cara ao sector percebeiro, e no que se procuren fórmulas para que ambos colectivos poidan desenvolver a súa tarefa extractiva con compatibilidade e observancia mutua cara a sostibilidade da actividade dos percebeiros e bateeiros.
Pregamos que entreguéselles a cada partido político, unha copia deste escrito para que sexan coñecedores das demandas do sector do percebe.
É tal o que se solicita da Alcaldía do Concello de A Guarda a 15 de decembro de 2021.
A PATROA MAIOR
Silvia María Crespo Campos
ALCALDE DO CONCELLO DE A GUARDA (PO)
O documento da Confraría de Pescadores "Santa Tecla", de A Guarda, foi incluído polo alcalde Antonio Lomba Baz, na orde do día do pleno ordinario celebrado pola Corporación Municipal, o pasado día 28 de xaneiro de 2022, cuxos membros acordaron por unanimidade, apoiar as peticións da Confraría de Pescadores "Santa Tecla", considerando que as súas propostas son lexítimas, e ademáis van na procura do entendemento entre os dous sectores: o percebeiro e o mexilloeiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario