A subdelegada do Goberno en Pontevedra presentou hoxe os datos do balance de seguridade viaria na provincia relativos ao ano 2021
Maica Larriba lembra que as distraccións ao volante son a causa de tres de cada dez accidentes mortais na provincia
O ano pasado faleceron nas estradas pontevedresas 25 persoas en 21 accidentes de circulación
Sete das vítimas mortais eran usuarios vulnerables
Foto: S. de G.
Infogauda / Pontevedra
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou hoxe o balance de seguridade viaria da provincia relativo ao ano 2021. Durante a comparecencia estivo acompañada por Antonio Piteira, capitán do subsector de Tráfico da Garda Civil na provincia, e Paula Yubero, xefa provincial da Dirección Xeral de Tráfico.
A subdelegada do Goberno cualificou o balance como “agridoce xa que aínda que se rexistraron menos accidentes mortais, o número de vítimas mortais é superior ao do dous últimos anos”. As estradas da provincia rexistraron no 2021 25 vítimas mortais falecidas en 21 accidentes de circulación. Un número superior ao contabilizado en 2019 e 2020, anos nos que a cifra mantívose en 24.
Con todo, a subdelegada explicou que “se ben o número de vítimas mortais aumentou, o número de accidentes mortais reduciuse, xa que o ano pasado se produciron 21, fronte aos 24 de 2020 e os 22 de 2019”.
Maica Larriba lembrou, así mesmo, os dous accidentes con tres falecidos que se produciron o ano pasado: o do 19 de marzo na PO-510, no que a colisión frontal de dous turismos saldouse co falecemento da condutora, de 38 anos, e os seus dous fillos, de 6 e 13 anos; e o que se produciu o 2 de xuño na N-640, unha colisión frontolateral dun turismo e un camión que tivo como resultado tres falecidos de 18, 19 e 24 anos de idade.
Respecto á cifra de accidentes con vítimas, a subdelegada destacou que no ano 2021 mantívose moi similar á de 2020, sendo, non obstante, un 24% inferior á rexistrada en 2019. “O outro dato positivo do ano pasado é que o número de usuarios vulnerables —peóns ou usuarios de bicicletas ou motos— falecidos nas estradas da provincia no 2021 continúa coa liña descendente rexistrada nos últimos anos”, explicou Larriba. Deste xeito, no 2019 contabilizáronse na provincia 10 falecementos de usuarios vulnerables; no 2020, 9; e no 2021, 7. A subdelegada destacou que “se atendemos aos datos porcentuais, no 2021 este tipo de usuarios representou o 28 % das vítimas mortais, fronte ao 38 % do ano 2020 ou 41 % do ano 2019”.
Atendendo a súa tipoloxía, un 47 % dos accidentes mortais prodúcense nas saídas de vía; un 24 % por colisións frontais e un 29 % en colisións frontolaterais. Así mesmo, un 68 % dos falecidos na provincia son homes e no 20 % dos casos a súa idade superaba os 75 anos. A subdelegada informou tamén que “os días nos que se concentra o maior número de accidentes continúan a ser os laborais, que aglutinan o 88 % dos sinistros”. A subdelegada quixo, ademais, subliñar que o 28 % das vítimas mortais en turismos e furgonetas non facían uso do cinto de seguridade.
Igualmente, Larriba alertou de que “as distraccións ao volante seguen sendo unha das causas principais dos accidentes”. De feito, a condución distraída estivo presente no 28.5% dos accidentes mortais, a velocidade inadecuada, no 23,8 %, a condución neglixente e a falta de respecto á prioridade, nun 14,3%, e o alcohol, enfermidades, os xiros incorrectos e o cansazo ou soño estiveron presentes, de forma individual, no 9.5% dos sinistros mortais. Por último, as drogas, a inexperiencia na condución e a condución temeraria están detrás do 4.7% dos accidentes con persoas falecidas.
O consumo de substancias que alteran a condución, en lixeiro aumento
No 2021 a agrupación de tráfico da Garda Civil realizou un 25 % máis de controis de alcohol e un 46 % de controis de drogas da provincia que no ano anterior. Nas alcoholemias, os positivos mantivéronse nun 1,72 %, cifra similar á rexistrada outros anos. Non obstante, ao incrementarse o número total de probas realizadas cabe concluír que houbo un aumento dos condutores ao volante baixo os efectos do alcohol. Pese a todo, se no ano 2020 un total de 441 condutores foron postos a disposición xudicial por este motivo, o ano pasado foron 436.
No caso das probas de drogas a situación é moi similar. Deste xeito, durante o 2021 contabilizáronse 3.280 probas positivas, que representan o 53,1 % das probas realizadas. Unha cifra parecida á rexistrada no 2020, ano no que se computaron 1.397 probas positivas, o que supuña un 41,63 % dos testes realizados. Así mesmo, se ben durante o 2020, 1.389 condutores foron sancionados e 8 postos a disposición xudicial, no 2021 tramitáronse 3.277 denuncias administrativas pero so 3 condutores pasaron a disposición xudicial.
Nova Lei de Tráfico, Circulación de vehículos de motor e Seguridade viaria
A subdelegada do Goberno quixo lembrar a modificación da lei de Tráfico e Seguridade viaria impulsada polo Goberno e que entrará en vigor a partir do mes de marzo. Maica Larriba incidiu que a nova norma “pretende actualizar varios preceptos, entre outros, aqueles relativos ao permiso por puntos, unha ferramenta que se demostrou válida para reducir a sinistralidade na estrada, pero que era necesario actualizar para mellorar a eficacia do sistema, adaptala aos tempos e reforzar a seguridade viaria”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario