13 de xan. de 2022

OIA

O Concello de Oia pon a disposición da veciñanza o modelo de alegacións contra o parque eólico do Merendón   

O documento está dispoñible na web municipal para a súa descarga   

 

Captura de pantalla da páxina web do Concello de Oia

Fonte: C.O.

Infogauda / Oia

 Despois da reunión veciñal sobre o parque eólico do Merendón mantida o martes en Loureza, e tal e como alí se acordou, a páxina web do Concello de Oia vén de incorporar o modelo de alegacións descargables.   O documento está accesible desde o mércores, nos formatos Word e PDF, no apartado da web municipal dedicado ao proxecto eólico do Merendón. Así, queda a disposición de todos os veciños e veciñas que queiran presentar as súas propias alegacións en contra deste proxecto eólico. Para facelo, a persoa interesada deberá descargar, cubrir e asinar o modelo, e presentalo no rexistro municipal (de xeito presencial ou telemático) xunto co seu DNI. O prazo remata o próximo día 14.  

 O antedito modelo de alegacións está dispoñible no seguinte apartado da web do Concello de Oia: https://www.concellodeoia.es/parque-eolico-do-merendon/ Nesta sección se inclúe a documentación relativa ao expediente do proxecto eólico do Merendón e máis os modelos de alegacións.   

 O proxecto do Merendón prevé a construción de 5 aeroxeneradores nos concellos de Oia (nas parroquias de Santa María de Oia e Loureza) e O Rosal. Esta actuación afectaría a espazos como as áreas de interese paisaxístico do Chan da Valga ou os Muíños do Folón e do Picón, ámbitos que tamén presentan importantes valores ambientais e patrimoniais.

Alegacións do Concello  

 O Concello está a ultimar as súas alegacións contra o proxecto eólico, nas que manifestará o seu rexeitamento atendendo aos posibles prexuízos sociais, paisaxísticos e ambientais que causaría a súa posta en marcha. Unha vez presentadas, actualizará o apartado web para incluír o documento oficial, ao igual que no seu momento fixo co parque eólico Albariño I.  

Así mesmo, irase informando sobre outros proxectos eólicos que teñan afección no municipio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario