O físico Antonio Turiel, protagonista da primeira charla das Xornadas de Enerxía
· A charla (venres 14 de xaneiro, ás 19 h) será por videoconferencia e poderá seguirse dende casa ou de forma colectiva no Centro Social Polivalente
· Turiel abordará a crise enerxética e os cambios sociais
Infogauda / O Rosal
O Rosal dá este venres o pistoletazo de saída ás súas ‘Xornadas de Enerxía’, unhas charlas organizadas polo Concello protagonizadas por conferenciantes de relevancia nacional e internacional que teñen por obxectivo abordar asuntos relacionados cos diferentes tipos de enerxía, modos de consumo, modelos alternativos, sostibilidade...
A primeira cita deste ciclo será este venres 14 ás 19.00 horas co físico e divulgador científico Antonio Turiel Martínez, un referente a nivel internacional en cuestións como o esgotamento dos recursos convencionais de combustibles fósiles, como o pico do petróleo e as súas posibles implicacións a escala mundial e tamén sobre a economía e sociedade españolas. Doutor en Física Teórica e investigador no Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no Instituto de Ciencias do Mar en Barcelona, Turiel abordará na súa charla a crise enerxética e os cambios sociais que leva aparellados.
Autor do blog The Oil Crash e de numerosos libros, Antonio Turiel asegura que é urxente unha transición enerxética controlada, xa que os combustibles fósiles non dan máis de si. E hai que estar preparados ante a inminente crise enerxética que se achega e que se sumará á crise ambiental e á actual crise sanitaria.
Esta primeira charla celebrarase por videoconferencia. As persoas interesadas en asistir poderán acceder dende a súa casa a través dun enlace que se difundirá este mesmo venres a través da web e das redes sociais do Concello ou de forma colectiva na sala habilitada para o seu seguimento no Centro Social Polivalente, que terá aforo limitado e todas as medidas de seguridade necesarias ante a situación sanitaria. Durante o encontro poderán facerse preguntas e comentarios ao conferenciante e a charla será gravada e publicada na páxina web do Concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario