O Rosal retoma o programa “Educando en familia”
O Concello retoma o programa de charlas para que pais e nais rosaleiras atopen resposta a moitas das preguntas que se dan no día a día con nenos e nenas
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal retoma o vindeiro día 3 de febreiro o seu programa “Educando en familia”, un espazo para que pais e nais poidan atopar resposta a moitas das inquedanzas que se dan no día a día, así como ferramentas para poder afrontalas. Durante este trimestre hai tres charlas organizadas no Centro Social Polivalente e a alcaldesa, Ánxela Fernández, anima á veciñanza “a asistir a estas actividades e a trasladar as súas suxestións e achegas”, xa que “queremos que Educando en familia sexa un espazo onde escoitar e ter en conta as necesidades sobre educación e crianza dos pais e nais do Rosal”.
O 3 de febreiro ás 19.00 horas a psicóloga, Andrea Iglesias, impartirá a charla “Educar sen premios e castigos. É posible?”. Abordará cuestións como por que evitar premios e castigos cando educamos, as diferencias entre premiar ou recompensar ou as consecuencias negativas dos castigos na educación das nosas crianzas.
O 25 de febreiro ás 19.00 h a psicóloga, Fátima Rodríguez, compartirá coas familias a súa reflexión sobre “Onde está o límite”. Centrará a súa intervención sobre como podemos mellorar a dinámica familiar mediante os límites cando educamos e achegará claves e ferramentas para o establecemento de límites de xeito construtivo desde o respecto á identidade das crianzas.
Para pechar o trimestre, o día 25 de marzo ás 19.00, o Concello organiza a charla “Cara a unha sociedade igualitaria: educar no feminismo”. A educadora social, Angelina Gándara, reflexionará sobre se seguimos educando por igual a nenos e nenas, que axentes educan ademais da familia e a súa importancia no desenvolvemento das crianzas e, por último, dará as claves para educar no feminismo.
Todas as charlas, como as levadas a cabo ata agora, teñen un marcado carácter práctico con espazo para as reflexións e inquedanzas das familias. A entrada é libre, pero pode facerse inscrición previa na web do Concello. Para facilitar a asistencia o Concello pon a disposición das familias un servizo de canguro para o que é necesario inscrición previa, tamén na web do Concello. Este servizo terá lugar sempre que se cubran un mínimo de 5 plazas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario