7 de xan. de 2022

O BAIXO MIÑO

O GRUPO SOCIALISTA URXE AO SERGAS A INCORPORAR “DE FORMA INMEDIATA” MÁIS PERSOAL SANITARIO NOS 14 CENTROS DE SAÚDE DA ÁREA SANITARIA DE VIGO COA ACTIVIDADE RESTRINXIDA  

Leticia Gallego cualifica a medida tomada pola Xunta de “ataque á sanidade pública, universal e gratuíta” ao “impedir” a unha parte da cidadanía a recibir asistencia sanitaria en caso de enfermidade común 


A deputada Leticia Gallego - 4ª pola esq. - con membros da Agrupación do PSdeG-PSOE de Tomiño, diante do centro de saúde desta localidade

Foto: Cedida
 

Infogauda / O Baixo Miño

 A deputada Leticia Gallego Sanromán e o voceiro de Sanidade, Julio Torrado Quintela, pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, veñen de demandar á Xunta, a través da presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento, a incorporar “de forma inmediata” máis persoal sanitario nos 14 centros de saúde da área sanitaria de Vigo coa actividade restrinxida.  

 “É necesario poñer de maneira urxente a disposición dos centros de saúde recursos humanos e equipamento suficiente para atender as necesidades de cada municipio conforme a súa poboación e poder garantir así a correcta e plena asistencia sanitaria na Atención Primaria”, sentenciou a socialista Leticia Gallego.  

 Neste sentido, Gallego cualificou a medida de restrición da actividade sanitaria nos centros de saúde de “ataque á sanidade pública, universal e gratuíta” por parte do goberno da Xunta que “impide” a unha parte da cidadanía acudir ao seu médico ou médica ante unha enfermidade común.  

 “A Atención Primaria está totalmente desbordada con xornadas con 190 pacientes nalgúns PAC, con profesionais esgotados e cada vez máis cadros de depresión e ansiedade entre o persoal que ve a situación con total desánimo”, lamentou.  

 Ao fío disto, Gallego censurou as “políticas de recortes do PP” na sanidade nos últimos anos que “levaron a que Galicia afronte a pandemia cun problema grave de persoal” cando “é a terceira peor comunidade autónoma de España en cociente de médicos e médicas por habitante”, segundo datos do Consello Xeral de Colexios de Médicos de España.  

 Con todo, a deputada viguesa urxiu a incorporar novos facultativos e facultativas que dispoñan de salarios equiparables aos países veciños, así como dunha maior estabilidade laboral “para facer atractivo traballar en Galicia”.  

 Por último, Gallego concluíu recordando que, dende o Grupo Parlamentario Socialista “levamos moito tempo denunciando a situación de colapso da Atención Primaria e a situación que ocorreu na área de sanitaria de Vigo esta semana é unha mostra máis da saturación do Servizo Galego de Saúde, que non se pode consentir”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario