A Mancomunidade comezará no Rosal unha rolda de concentracións para denunciar a grave situación da sanidade no Baixo Miño
Será o vindeiro 12 de xaneiro ás 19.00 horas na Praza do Calvario
As alcaldesas e alcaldes dos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, convocan para os meses de xaneiro e febreiro catro concentracións conxuntas para denunciar o deterioro que está a sufrir a atención primaria nos centros de saúde da comarca
Foto: C.O. R.
Infogauda / O Baixo Miño
O tránsito de 2021 a 2022 xa é unha realidade que ninguén ignora. Con todo, do ano vello, lamentablemente continúa vixente a problemática que afecta á Sanidade Pública - e por conseguinte á toda á cidadanía - da comarca do Baixo Miño, baseada, fundamentalmente na infradotación de medios humanos e materiais nos centros de atención primaria dependentes do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), e máis concretamente da Consellería de Sanidade, da Xunta de Galicia. Esa é, dito de xeito resumido, obviamente, a realidade.
Dese xeito, non causa ningunha sorpresa á convocatoria que vén de facer pública a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, indicando que a vindeira semana comezará “unha rolda de concentracións para denunciar o deterioro que está a sufrir a atención primaria nos centros de saúde da comarca, que dende hai tempo padecían unha importante carencia de persoal sanitario que case limitaba a atención ás urxencias, relegando as consultas ordinarias, con esperas moi prolongadas. Unha situación que se viu agravada aínda máis tras a decisión do Sergas de, en lugar de poñer solucións, decretar que só se atendan consultas urxentes e relacionadas coa COVID-19 nas instalacións da Guarda, O Rosal e Tomiño durante estes días”.
Ante esta realidade, as alcaldesas e alcaldes da Mancomunidade convocan para os meses de xaneiro e febreiro catro concentracións conxuntas coas que “denunciar a situación de precariedade e o continuo desmantelamento da sanidade pública nos nosos municipios e trasladar ao Sergas e á Xunta a necesidade de adoptar medidas de forma urxente. A resposta non é restrinxir servizos, senón buscar solucións a curto e medio prazo”.
Por este motivo, desde os concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, “convídase á toda a veciñanza e ás plataformas en defensa da sanidade pública a participar nestas catro concentracións, que arrancarán o vindeiro mércores 12 de xaneiro ás 19.00 horas na Praza do Calvario do Rosal. A seguinte cita será o 26 de xaneiro en Tomiño (ás 19.00 h na Praza do Seixo), o 9 de febreiro en Tui (ás 19.00 horas na Praza da Inmaculada) e o 23 de febreiro na Guarda (ás 19 h na Praza Avelino Vicente)”. Con estas concentracións búscase poñer de relevo “unha situación transversal que afecta a toda a veciñanza e que compromete e pon en risco a nosa saúde actual e futura”.
“A Mancomunidade reclama dende hai tempo unha mellora da atención sanitaria que poña fin á degradación progresiva dos centros de saúde, con falta de medios persoais, instalacións deficientes e en progresivo deterioro dende hai anos. Unha situación de precariedade que se viu acentuada coa chegada da pandemia, cunha diminución da atención presencial e medidas tomadas por Sanidade que atentan contra a calidade do servizo”. As rexedoras e rexedores da Mancomunidade dan “o seu apoio aos profesionais da saúde e continuarán loitando para garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario