31 de xan. de 2022

ECONOMÍA

Os datos da EPA do cuarto trimestre de 2021 confirman a emerxencia laboral e produtiva da comarca de Vigo 

Infogauda / Vigo

 En opinión da CIG, os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa, referidos ao cuarto  trimestre de 2021, son moi preocupantes e confirman a situación de emerxencia laboral e  produtiva que atravesa a cidade e a comarca de Vigo. 

 Na cidade de Vigo a poboación ocupada descendeu no último trimestre en 500 persoas. Pero o  máis preocupante é que no último ano destruíronse na cidade 4.400 postos de traballo, o que fai que na actualidade en Vigo cidade haxa 13 mil empregos menos dos existentes no último  trimestre de 2009.  

 Resulta rechamante a moi mala evolución do emprego no sector servizos, toda vez o IV  trimestre inclúe o groso da campaña comercial de Nadal. Nese sentido, é preocupante que no  último trimestre se teñan destruído por volta de 2.600 empregos. O sector servizos rematou  2021 con 4.900 postos de traballo menos que o ano anterior. É claro, pois que o retorno do  grande Nadal de Vigo a nivel laboral directamente non existiu.  

 Por sectores, prodúcese unha tímida recuperación no emprego industrial, con 400 novas  persoas ocupadas en relación ao trimestre anterior. Mais ese lixeiro incremento non oculta o  alcance da crise industrial que atravesa a cidade, xa que na actualidade hai 4.700 empregos dos  que había a finais de 2009. 

 Na construción rexístrase un significativo aumento do número de persoas ocupadas,  entendemos que empurrado pola obra pública, pero que sigue sen recuperar os niveis de  emprego existentes no sector. 

 Na agricultura e pesca rexístrase unha diminución no último trimestre de 1.500 persoas  ocupadas, e o nivel de emprego está por baixo do do ano anterior e moi por detrás do existente  en 2009.  

 Para o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, estes datos demostran a enorme  febleza da base produtiva da cidade e do conxunto da comarca de Vigo. 

 Por iso desde a CIG esiximos que tanto Xunta de Galiza como o Goberno español despreguen  con determinación políticas de apoio ao tecido produtivo e que amplíen a cobertura social.  

 As consecuencias desta crise non podemos volver pagalas as clases traballadoras e populares.  Cómpre unha reacción enérxica desde o público para garantir o emprego e os salarios. E nese  sentido, consideramos inaprazábel a posta en marcha dun Plan de Reindustrialización da nosa  comarca que evite a desertización da nosa base produtiva e a destrución de emprego. 

 E no inmediato urxe que tanto Xunta como Goberno español poñan en marcha unha  intervención pública directa que impida a desaparición do estaleiro Barreras, permita a  reactivación do antigo Vulcano e blinde o futuro do conxunto do sector naval 

Ningún comentario:

Publicar un comentario