15 de dec. de 2021

VIGO

O Comité de Empresa de Vitrasa anima o alcalde a revisar o  prego de condicións


A imaxe corresponde a unha recente mobilización do persoal de Vitrasa diante da Casa do Concello de Vigo
Foto: CIG


Infogauda / Vigo

 Despois de moitos días manifestando que Vitrasa é unha empresa privada e que non lle  corresponde ao Concello mediar neste conflito laboral, os traballadores e traballadoras da  empresa animan o rexedor a revisar o prego de condicións. Concretamente o artigo 37 sobre o  control e inspección do servizo que ofrece a concesionaria e que di: "O Concello estará  facultado para esixirlle a xustificación de ter cumprido todas e cada unha das obrigas de  carácter laboral e de Seguridade Social en relación co seus empregados".  

 A este respecto, lembran que levan meses solicitando unha intervención do Concello ante os  incumprimentos reiterados das obrigacións laborais que marcan tanto o Convenio Colectivo  como o Estatuto dos Traballadores e Traballadoras. 

 Doutra banda, lembran que o réxime sancionador do propio prego de condicións considera  como falta moi grave no seu artigo 45-e: "O incumprimento das obrigas laborais" e que estas  serán sancionadas con multas de entre 500.001 Pts e 1.000.000 Pts (3.000 e 6.000€). 

 A isto hai que engadir a sentenza do xulgado Contencioso Administrativo nº 2 que cataloga  como abusivos os servizos mínimos decretados no mes de outubro e que vulneran o dereito á folga, o que fai ao Comité solicitar a redución dos actuais servizos mínimos xa que se mantén  practicamente a mesma porcentaxe. 

 Noutra orde de cousas, o Comité de Empresa reuniuse no día de onte coa Inspección de  Traballo e novamente denunciou tanto incumprimentos do convenio Colectivo como  requirimentos da propia Inspección, e vulneracións do dereito de folga tales como  contratacións efectuadas durante o período de folga, ocultación de información relativa aos  servizos realizados durante esta, etc. 

 No día de hoxe, o Comité de Empresa acudiu ás instalacións do Concello para solicitar in situ ao  alcalde ou a algún responsable de transporte unha reunión formal. Medida que veñen  realizando en varias ocasións desde o mes de agosto sen resposta da Alcaldía ata o momento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario