27 de dec. de 2021

TOMIÑO

Faleceu Manuel Garcés, mestre que da nome ao Centro Rural Agrupado de Tomiño e veciño que gozaba de gran respeto e cariño no concello 

Fai máis dunha década os seus compañeiros de profesión decidiron dar o seu nome ao CRA de Tomiño despois de cincuenta e nove anos adicado ao ensino  

 

Manuel Garcés Estévez
Fotos: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Este 26 de decembro faleceu na parroquia de Estás (Tomiño) aos 88 anos, o mestre Manuel Garcés Estévez, que da nome a Centro Rural Agrupado deste concello. Manuel Garcés foi o nome escollido hai preto de vinte anos polos profesores do Centro Rural Agrupado para homenaxear a este profesor que se xubilou despois de adicar a súa vida ao ensino rural. 


Manuel Garcés Estévez co seu pai Domingo J. Garcés Campo, diante do monumento ao  benfeitor Abdón Alonso Alonso

 Manuel Garcés Estévez foi mestre en Mougás (Oia), en Pías (O Rosal), Amorín (Tomiño) e xubilouse na parroquia de Estás despois de ensinar durante 27 anos na pequena escola da Fundación Peirópolis, construída grazas ao benfeitor Abdón Alonso Alonso. A escola de Estás na que tamén deu escola o seu pai é un dos exemplos de “escolas indianas” ou da emigración construída grazas á filantropía dos que marchaban alén mar. 

 

Manuel Garcés  a esq. da imaxe - ensinándolle o funcionamento dunha romana ao alumnado dunha aula de ensino
 

 No total da súa vida foron 59 anos adicados ao ensino, nun momento no que as escolas rurais acollían entre sesenta e setenta rapaces de todas as idades. Aqueles escasos anos de escolarización rural eran a única oportunidade para moitos nenos e nenas de ter algo de formación. A figura do mestre era un referente, unha persoa a respectar e así foi a figura de Manuel Garcés, que gardaba escrupulosamente os cadernos coas cualificacións de xeracións de alumnos de Tomiño e Oia aos que recoñecía por nome e apelidos. 

 Casado coa veciña de Estás, Argentina Martínez Gómez, a vocación do ensino viulle a Manuel Garcés do seu pai Domingo J. Garcés Campo, figura clave na súa vida e tamén mestre na escola de Estás. Domingo Garcés foi o encargado de que o seu fillo Manuel preparara por libre primeiro o Bacharelato e logo o Maxisterio, indo a examinarse a Vigo e Pontevedra, como moitos dos mestres daquela. 


Manuel Garcés Estévez, no xardín da escola da Fundación Peirópolis, en Granxola (Estás) Tomiño

 Persoa de profundas conviccións morais, foi un mestre querido e admirado polos seus veciños. Formou a varias xeracións de tomiñeses e grazas ao coidado e mimo co que tratou todo o que tiña que ver coa escola, consérvase na parroquia de Estás unha pequena Aula Museo que garda material didáctico, bibliográfico e documental dos anos 30, dende expedientes académicos de varias xeracións até libros das Misións Pedagóxicas ou mapas da época. 

 A parroquia de Estás e moitos veciños e veciñas de Tomiño de quen foi profesor, así como o Concello, lamentan a súa perda e recoñecen en Don Manolo, como se lle coñecía popularmente, un home apaixonado polo ensino e unha boa persoa que deixou fonda pegada na vida de centos de nenos e nenas que pasaron polas súas aulas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario