27 de dec. de 2021

TOMIÑO

Teatro para bebés mañá martes, 28 de decembro, ás 11.30 horas no Mercado de Tomiño 

Para asistir á actuación é preciso inscribirse a través da web do Concello 


Laura Sarasola, nun momento da representación 
Foto: C.T.
 

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño, dentro da súa programación de Nadal, ofrece mañá martes día 28 de decembro, ás 11.30 horas, no 1º andar do Mercado Municipal, unha obra de teatro para bebés. “Zapatos” é o nome da espectáculo co que Caramuxo Teatro reflexiona sobre que pasa con todos eses zapatos que xa ninguén usa. 

 A alcaldesa, Sandra González, anima ás familias a asistir cos seus pequenos e pequenas e lembra que a actividade é de balde, pero é preciso inscribirse previamente a través da web do Concello. 

 A protagonista da obra de teatro é unha rapaza que é a encargada de coidalos, de darlles a benvida ao lugar onde vivirán para sempre, un lugar onde compartir emocións coas bailarinas, con Pequecho e os seus irmáns, cós namorados, có Sol e a Nube e con centos e centos de compañeiros que teñen moito que contar ."Zapatos" narra tódalas historias que levan dentro os zapatos que xa non teñen dono como ben se pode ver no seguinte vídeo promocional. 

 Caramuxo Teatro é unha recoñecida compañía de teatro infantil e familiar formada por Juan Rodríguez e Laura Sarasola. A compañía naceu na Coruña no ano 2003 cunha obra especialmente deseñada para bebés, Glub Glub. Dende entón a súa produción non deixou de aumentar, con obras como Zapatos, mención especial na XXVI Muestra Internacional de Vall d'Albaida; Ñam, unha mestura de teatro e cociña; Na casa, recoñecida coa R de espectáculo recomendado pola Rede Nacional de Teatros... 

 Dende os seus inicios mesturan diferentes técnicas: teatro de actores e actrices, monicreques, danza... Actualmente, ademais de continuar traballando nunha liña específica para bebés, teñen en carteleira espectáculos para público infantil e familiar, con obras destacadas como Redondo, Pavillón Lino, As fabas máxicas ou Feo! (Premio María Casares ao Mellor espectáculo infantil en 2016).

Ningún comentario:

Publicar un comentario