22 de dec. de 2021

PONTEVEDRA

A Subdelegación do Goberno reparte 360 mil máscaras a entidades locais e sociais da provincia 

• Este é o oitavo operativo de distribución de máscaras que leva a cabo o Goberno en Pontevedra

• Desde o inicio da crise sanitaria, a Subdelegación repartiu xa 2,1 millóns de máscaras na provincia destinadas ás familias máis necesitadas e colectivos vulnerables. 


A Subdelegación do Goberno vén de pór en marcha un novo reparto de 360.000 máscaras na provincia

Foto: S. de G.

Infogauda / Pontevedra

 A Subdelegación do Goberno vén de pór en marcha un novo reparto de 360.000 máscaras na provincia. Esta nova entrega súmase ao 1,8 millóns de máscaras que o Goberno español repartiu xa na provincia desde o inicio da pandemia. 

 Neste oitavo operativo de distribución, 60.000 máscaras foron entregadas hoxe a Cáritas, FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e CERMI (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade) para o seu reparto entre a poboación máis vulnerable da provincia.  

 Ademais, a Subdelegación do Goberno entregará aos municipios máis poboados da provincia 180.000 máscaras. Deste xeito, Lalín e A Estrada recibirán 6.500 máscaras; Ponteareas, 7.500; Marín, 8.000; Cangas, 8.500, Redondela, 9.500; Vilagarcía de Arousa, 12.000; Pontevedra, 26.500; e Vigo, 95.000. A Deputación de Pontevedra tamén recibirá 120.000 máscaras para distribuír entre os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.  

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, quixo subliñar o esforzo realizado durante o último ano e medio polo Goberno por non deixar a ninguén atrás durante esta crise sanitaria e do que da conta esta nova entrega de máscaras.  “En total, e contando coa entrega actual, o Goberno repartiu a entidades sociais e locais da provincia 2,1 millóns de máscaras destinadas as persoas máis vulnerables”.  

 Así mesmo, Larriba recordou que “o uso de este elemento protector continúa a ser de vital importancia, sobre todo nestas datas e ante o avance desta nova onda, xa que unha mellora da situación require compromiso e responsabilidade por parte de todos e todas”.    

Campaña nacional 

 Este reparto enmárcase na campaña de distribución de máscaras posta en marcha polo Goberno esta semana e que distribuirá un total de 15.075.000 máscaras quirúrxicas destinadas a colectivos vulnerables a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e de diversas entidades sociais. 

 Como en ocasións anteriores, nesta acción colaboran os ministerios de Sanidade e de Política Territorial e a distribución coordinarase a través das Delegacións e Subdelegacións do Goberno en cada comunidade autónoma. 

 Este envío súmase aos máis de 27 millóns de máscaras que se distribuíron os meses pasados polos mesmos canles. Así mesmo, ao longo de 2020, distribuíronse máis de 64 millóns de máscaras entre a FEMP e entidades sociais.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario