1 de dec. de 2021

PAZOS DE BORBÉN

Denuncian atrasos no pago das nóminas do persoal do  Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Pazos de Borbén 

A CIG reclámalle ao Concello que formalice o contrato coa nova  concesionaria para subrogar as traballadoras/es 


Pancarta de persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nunha mobilización
Foto: CIG


Infogauda / Pazos de Borbén

 A representación da CIG no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Pazos de Borbén denuncian  que o cadro de persoal, integrado por 11
traballadoras/es, leva dende o mes de xaneiro cobrando os seus  salarios con atraso. Dende a central sindical reclámanlle ao Goberno local que formalice o contrato coa  nova concesionaria para proceder á subrogación das empregadas/es. 

 A adxudicataria do servizo dende o ano 2007, Pedroso y Rojas (Saluvi), está a ingresar tarde os soldos, até  o punto de que as últimas traballadoras/es en cobrar recibiron a nómina de outubro onte mesmo, quedando  pendente o salario de novembro. 

 Ademais, a empresa tampouco estaba a abonar nin a quilometraxe nin o tempo efectivo de desprazamento  entre os domicilios, polo que no mes de marzo a CIG decidiu presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo. 

 Posteriormente celebráronse eleccións sindicais na empresa, escolléndose unha delegada de persoal da  CIG, tras o que se consigue solucionar a cuestión do tempo de desprazamento entre domicilios. Pero os  problemas co atraso no pago dos salarios continúan a día de hoxe, polo que a representación sindical  anuncia que no caso de que non se resolva esta problemática nun prazo máximo de 15 días non desbotan  unha convocatoria de folga. Tampouco descartan iniciar unha recollida de sinaturas diante do consistorio  xunto coa CIG en apoio das traballadoras/es deste servizo esencial que se encarga do coidado de persoas  maiores e dependentes. 

 Ao mesmo tempo denuncian que a pesar de que no mes de outubro procedeuse a adxudicar o servizo, a  nova concesionaria, Idades S.L., aínda non se fixo cargo do mesmo polas débedas coa Seguridade Social que mantén a anterior empresa -que ascenden a 100.000 euros- e polos atrasos salariais pendentes. Xa que  canto máis tempo pase máis se vai incrementar a débeda, a pesar de que a anterior concesionaria ten embargados os cobros do Concello por parte da Seguridade Social. 

 Pedro Pérez, da CIG-Servizos, explica que o pasado venres día 26 mantiveron unha xuntanza co Goberno  local na que participou o propio alcalde, Andrés Iglesias, e na que se lle informou da situación que padece  o persoal do SAF. Ademais, trasladóuselle a necesidade de que o Concello sufrague os EPI que até o de  agora teñen que asumir as traballadoras/es xa que a empresa non os subministra, “ao que se negaron”. 

 Por iso dende a central sindical demándanlle ao Goberno local que garanta a saúde e seguridade das  empregadas/os e que se faga cargo dos EPI. Ao tempo que demandan a formalización do contrato con  Idades S.L. para que subroguen de xeito inmediato o persoal, ou en caso contrario que renuncien ao servizo  e que sexa o propio Concello o que se encargue da súa xestión de forma directa. 

 “O Goberno local non pode desentenderse desta situación porque é o responsábel da adxudicación do  servizo, primeiro a unha empresa pirata e despois a unha empresa irresponsábel que non asume un servizo  cun orzamento de 1,2 millóns de euros en dous anos”, afirma o portavoz da CIG.

Ningún comentario:

Publicar un comentario