Os Reis Magos visitarán o martes 5 de xaneiro todos os barrios do Rosal
Comezarán a súa ruta a través de 4 itinerarios para que todos e todas as rosaleiras poidan coñecelos
Os Reis Magos volverán este ano a percorrer todos os barrios do Rosal. Unha comitiva cos tres Reis e un axudante que velará por garantir as medidas de seguridade, comezarán o vindeiro martes día 5 de xaneiro ás 11.00 horas, unha visita que, con case 60 paradas en distintos puntos do concello, permitirá que todos os rosaleiros e rosaleiras que desexen saudalos poidan facelo sen aglomeracións e cerca da casa.
A alcaldesa, Ánxela Fernández, explica que no Concello “volvemos invitar aos Reis Magos a este percorrido que tan ben funcionou o ano pasado”, e que “permite que os nenos e nenas desfruten da visita dun xeito cómodo e seguro”. A rexedora lembra que os Reis farán paradas de 10 minutos en cada punto, polo que “haberá tempo dabondo para coñecelos e recibir, quen sabe, algún agasallo”.
Para axilizar o percorrido e evitar aglomeracións o Concello organizou un total de catro itinerarios que parasarán por diferentes puntos de Marzán, A Cachada, A Fecha, Pancenteo, A Cumieira, A Telleira, Lagos, A Mata, Sandián, Pías, Tamuxe, O Morán, San Miguel, Tabagón, As Eiras, Fornelos, O Picón, Viso dos Eidos, Martín, Caselas, A Lomba, Couselo, Novás, A Rotea, Parada, Miranxe, San Xián, Portecelo, Urgal, Valdemiñotos, Couso e O Calvario.
O Concello quere agradecer a colaboración das asociacións rosaleiras polo seu traballo e compromiso con esta actividade. “Eles e elas fan posible que os Reis Magos visiten O Rosal ben acompañados”, destaca a alcaldesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario