29 de dec. de 2021

O ROSAL

Un calendario para homenaxear o traballo das mulleres do Rosal  

O Concello deseñou un almanaque que pón en valor ás rosaleiras e educa en igualdade  


A alcaldesa Ánxela Fernández, coas persoas que integran a Comisión de Igualdade do Concello do Rosal, na presentación do calendario

Fotos: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 As mulleres traballadoras do Rosal serán as protagonistas do calendario 2022 do Concello. Unha profesión cada mes é a estrutura que elixiron na Consello de Igualdade municipal para pór en valor o traballo das rosaleiras na historia e tamén na actualidade. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, destaca que “con este calendario queremos homenaxear as nosas mulleres mentres educamos en igualdade”, ao tempo que dá “os parabéns a Angelina Gándara, Rosa Maceiras, Noemí Baz, Moncho Leal e a Sara Vicente, persoas que integran a Comisión de Igualdade, polo seu gran traballo”.  

 En cada mes do calendario hai unha gran fotografía que representa a unha muller ou a un grupo de mulleres do Rosal traballando. Así xaneiro está adicado ás argaceiras; febreiro ás mestras; marzo ás matronas cunha fotografía de Xulia Suárez, rosaleira que reivindicou os dereitos das mulleres durante e despois do franquismo; abril ás condutoras de autobús coa mención á Silvia, a primeira muller condutora de autobús do Baixo Miño; maio ás costureiras; xuño ás traballadoras da terra; agosto ás que traballan con maquinaria no agro; setembro ás percebeiras; outubro ás tendeiras, con especial mención a Adela Álvarez, un exemplo de muller dinamizadora da colectividade dende un ámbito rural como a parroquia de Fornelos e autora de diversas pezas poéticas en galego; novembro ás artistas, representadas na figura Rufina Domínguez, actriz declamadora do Rosal que foi represaliada polo franquismo; e decembro ás menciñeiras. 

 

A alcaldesa do Rosal con Angelina Gándara, Rosa Maceiras, Noemí Baz, Moncho Leal e a Sara Vicente, persoas que integran a Comisión de Igualdade, noutro momento da presentación do almanaque

 O calendario tamén inclúe información e definicións sobre igualdade, violencia de xénero e teléfonos de interese para mulleres que sufran violencia machista. “Queremos que o almanaque sexa un lugar para educarse en igualdade e que tamén informe ás mulleres, de xeito rápido e sinxelo, dos recursos que teñen da súa man en caso de sufrir violencia por parte das súas parellas”.

 O Concello pediulle aos Reis Magos que sexan os primeiros repartidores dos calendarios no  percorrido que realizarán o vindeiro día 5 de xaneiro por todos os barrios do Rosal. Despois dese día, todas as persoas que o desexen poden visitar o Concello e solicitar un de maneira totalmente gratuíta. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario