9 de dec. de 2021

A GUARDA

Asociación Érguete Baixo Miño



CONVOCATORIA ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA DE SOCIOS/AS ANO 2021 

 A Xunta Directiva acordou convocar a todos/as os/as socios/as da Asociación Érguete Baixo Miño á Asemblea Xeral Extraordinaria a celebrar o día 16 de decembro de 2021, ás 17:00 horas en primeira convocatoria e ás 17:30 horas en segunda convocatoria, no local social, para tratar os asuntos contidos no seguinte 

ORDE DO DÍA 

1º Reformas Estatutarias. Exame e, no seu caso, aprobación da seguinte proposta de modificación dos Estatutos Asociativos: 

Artigo 16º.- O Presidente da Asociación asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra. O Presidente será designado pola Asemblea Xeral entre socios que teñan polo menos 1 ano de antigüidade e o seu mandato durará 4 anos. 

Modificación proposta 

 O/a Presidente/a será designado/a pola Asemblea Xeral entre os/as socios/as e o seu mandato durará 4 anos. 

Artigo 17º.- A Xunta Directiva estará formada por unha Presidencia, unha Secretaría, unha Tesourería e vogais 1, cargos que deberán recaer en asociados/as que leven polo menos un ano na Asociación. 

Modificación proposta 

 A Xunta Directiva estará formada necesariamente polos seguintes cargos: unha Presidencia, unha Secretaría e unha Tesourería. A maiores, tamén poderán formar parte da Xunta Directiva unha vicepresidencia e cantos/as vogais se estimen necesarios/as. Tódolos cargos que compoñan a Xunta Directiva deberán recaer en asociados/as da Asociación. 

Artigo 18º.- Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán gratuítos, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados, e deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade por si mesmos ou por persoa interposta. 

 Elixiranse pola Asemblea Xeral os cargos e durarán un período de 4 anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente. 

 Os cargos cesarán na súa función por pasamento, renuncia voluntaria, e por transcurso do prazo para o que foron elixidos. A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ó cese automático, senón que deberase facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ao día do sucesor ou ben esperar ata que a Xunta Directiva nomee temporalmente a un substituto se se trata de renuncia voluntaria. 

Modificación proposta

 Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán gratuítos sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados que o desempeño da súa función lles ocasione e sen que as cantidades percibidas por ese concepto poidan exceder dos límites  previstos na normativa do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas para ser consideradas de  dietas exceptuadas de gravame. 

 As persoas que ostenten cargos na Xunta Directiva poderán percibir retribucións por tarefas profesionais diferentes as propias do seu cargo na Xunta directiva. A retribución se fixará en  función dos parámetros normais de relación laboral dentro da entidade (convenio colectivo de  aplicación, categoría profesional, retribución, xornada e demais característica de calquera  relación laboral); en todo caso, deberán de carecer de interese económico nos resultados. Elixiranse pola Asemblea Xeral os cargos e durarán un período de 4 anos, aínda que poden ser  obxecto de reelección indefinidamente. 

 Os cargos cesarán na súa función por pasamento, renuncia voluntaria, e por transcurso do  prazo para o que foron elixidos. A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ó cese  automático, senón que deberase facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de  documentación e posta ao día do sucesor ou ben esperar ata que a Xunta Directiva nomee  temporalmente a un substituto se se trata de renuncia voluntaria.  

Artigo 45º.- Para ser aprobada a reforma dos Estatutos será necesario o voto favorable dos 2/3  dos membros da Asemblea Xeral de socios. 

Modificación proposta 

 Para ser aprobada a reforma dos Estatutos será necesario o voto favorable da maioría  cualificada presente ou representada na Asemblea Xeral de socios/as. 

Artigo 48º.- O haber resultante unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra Asociación  non lucrativa e inscrita na Comunidade Autónoma que teña os mesmos ou similares fins aos  desta Asociación. 

Modificación proposta

 O patrimonio resultante de disolución destinarase na súa totalidade a algunha das  entidades consideradas como entidades beneficiarias do mecenado aos efectos previstos nos  artigos 16 a 25, ambos inclusive, da Lei 49/2002, de 23 de decembro, do réxime fiscal das  entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado e que están dedicadas a fins  de interese xeral e que sexan análogos aos da Asociación. 


1 Artigo 17º- acordo modificación tomado na Asemblea Xeral Extraordinaria do 27/05/2016 e aprobado na Asemblea Xeral do 16/06/2017.

Ningún comentario:

Publicar un comentario