31 de dec. de 2021

A GUARDA

O alcalde de A Guarda recibiu a José Manuel (Jochi) Vicente, ministro de Facenda do Goberno da República Dominicana  

· Este encontro, no que ambos os dous conversaron sobre diversos temas de maneira distendida, enmárcase na visita familiar que José Manuel (Jochi) Vicente realiza estes días en terras galegas


O alcalde de A Guarda recibiu no Concello a José Manuel (Jochi) Vicente, ministro de Facenda do Goberno da República Dominicana

Fotos: C.A.G.
O alcalde de A Guarda nun momento da recepción, conversando co ministro de Facenda da República Dominicana, en presenza das persoas que acompañaban ao mandatario


Infogauda / A Guarda

 Na xornada de onte, xoves día 30 de decembro de 2021, o alcalde Antonio Lomba Baz, recibiu no concello de A Guarda a José Manuel (Jochi) Vicente Dubocq, ministro de Facenda do Goberno da República Dominicana.  

 Este encontro, no que ambos os dous conversaron sobre diversos temas de maneira distendida, enmárcase na visita familiar que José Manuel (Jochi) Vicente realiza estes días en terras galegas, xa que é de ascendencia guardesa.  

 José Manuel (Jochi) Vicente é un destacado economista, graduado Summa Cum Laude na Pontificia Universidad Católica Madre y Maestra (PUCMM), especialista na industria de consultoría financieira e de xestión.  

 Vicente posúe fortes habilidades profesionais en negociación, planificación de negocios, negocios internacionais, desenvolvemento corporativo e fusións e adquisicións.  

 Ten ocupado os cargos de director do “Consejo Nacional de la Empresa Privada (CONEP)”, presidente da “Cámara de Comercio y Producción de Santo Domingo” e da “Asociación Nacional de Jóvenes Empresarios (ANJE)”, na República Dominicana, sendo ministro de Facenda dende agosto do ano 2020.  


Antonio Lomba con José Manuel (Jochi) Vicente

 Antonio Lomba agradeceu a súa visita e aproveitou esta oportunidade para recordar os lazos que unen á vila de A Guarda coa República Dominicana, grazas a súa historia e ao irmanamento existente, entregando ao ministro algúns agasallos relacionados coa cultura e a etnografía tradicional da nosa vila. En palabras do alcalde: "É un orgullo para nós saber que os fillos da nosa vila, aínda tendo cargos de moita responsabilidade, como no caso de Jochi, non esquecen as súas raíces e aproveitan as ocasións que teñen para visitarnos". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario