22 de nov. de 2021

TOMIÑO

Convocatoria de folga da recollida do lixo e da limpeza viaria en Tomiño! 




 Dende a CUT queremos comunicar que o vindeiro sábado 27 de novembro esta central sindical convoca á poboación e aos medios de comunicación nunha concentración/rolda de prensa na Praza do Seixo, en Tomiño, ás 13:30 horas. Nela faremos lectura das reivindicacións do cadro de persoal e dos motivos que os levan a tomar esta decisión, así como a data da folga. 

 Como xa dixemos no anterior comunicado, levan 15 anos sen melloras salariais ou sociais, regulados polo Estatuto dos Traballadores/as, que é de mínimos. Traballan cunha maquinaria obsoleta que repercute tanto na saúde dos traballadores/as como na calidade do servizo. Logo dunha inspección de traballo por fin decidiron poñer auga nos vestiarios e mercar taquillas novas para sustituir ás deterioradas. 

 O delegado de persoal e a súa central sindical non fan nada, semellando estar en conivencia coa empresa, facendo pinza para que non haxa negociación para mellorar as condicións laborais. 

 O cadro de persoal leva anos traballando con absoluta dilixencia, na pandemia declaradas servizo esencial, traballaron cos escasos medios de protección que deu a empresa, turrando cun aumento de carga de traballo sen parangón e sen ningunha compensación a cambio. Polo tanto, ninguén pode ver nesta convocatoria de folga mala fe algunha. 

 Por todo isto e máis, imos convocar folga para comezos de decembro. 

 Agardamos a comprensión e o apoio ás nosas xustas reivindicacións por parte do goberno de Tomiño, de todos os partidos políticos do Concello e por suposto de todos os tomiñenses e tomiñensas.

(R.) 

Ningún comentario:

Publicar un comentario