Producións Teatrais Excéntricas presenta a súa “Estrela do día” no Rosal
A obra de teatro será o domingo 14 ás 19.00 horas no Auditorio Municipal con entrada de balde ata completar aforo
Infogauda / O Rosal
O Rosal continúa coa súa programación outonal con máis teatro. O vindeiro domingo 14 de novembro ás 19.00 horas Producións Teatrais Excéntricas representará no Auditorio Municipal a obra “Estrela do día”, unha obra para que o público recupere a fe no teatro, “o único lugar onde o milagre aínda é posíbel”. A alcaldesa, Ánxela Fernández, anima á veciñanza a asistir a un espectáculo “moi divertido e con entrada de balde ata completar aforo”.
A obra de Excéntricas comeza cunha serie de preguntas... Sabías que se conservan mais de 400 milagres de Santa María, en códices do século XIII en galego? Sabías que a Divina Señora adquiría as formas máis sorprendentes para axudar ás persoas infelices que llo pedían? Sabías que nos tempos de medo e incerteza que estamos a vivir, hai millóns de persoas que seguen a pedir un milagre de María, a Estrela Matutina? Sabías que a maioría dos milagres da Señora serían hoxe condenados pola igrexa e perseguidos polo código penal?
“Estrela do día” é unha visión actualizada dos milagres de santa María aplicados aos problemas actuais (asombrosamente parecidos aos daquel século XIII) Volverán a desfilar diante dos nosos ollos, neste retablo do século XX, os soldados que foxen da guerra, a mociña obrigada a casar con quen non quere, os que expulsados dos seus lares son amoreados como gando, os presos por roubar comida, a monxa que foxe do convento, o que cansado deste mundo quere vivir noutro sen morrer, o que perde unha pelota e daría o que ten para seguir xogando, a que foxe da manda de brutos que a acosan, os que perden a compaña do animal que prefiren a calquera humano, a que procura a curación da enfermidade mortal... Dramas resoltos pola intervención milagreira de María con aparicións dignas da mellor estrela do día.
Ningún comentario:
Publicar un comentario