9 de nov. de 2021

O ROSAL

A ruta dos muíños do Folón e do Picón xa é máis accesible  

O veciño do Rosal, Manuel Sobrino, realizou todo o percorrido na cadeira todo terreo que adquiriu o Concello   


Manuel Sobrino na cadeira de rodas todo terreo do Concello do Rosal, desfrutando das paisaxes que ofrece a visita ao conxunto etnográfico dos muiños do Picón e do Folón

O veciño, Manuel Sobrino, rematou a ruta dos muíños do Folón e do Picón  na nova cadeira todo terreo que adquiriu o Concello

Fotos: C.O. R.

Infogauda / O Rosal 

 O Rosal continúa no seu percorrido para converterse nun municipio máis accesible e inclusivo. O veciño, Manuel Sobrino Senra, rematou a ruta dos muíños do Folón e do Picón  na nova cadeira todo terreo que adquiriu o Concello. Un gran salto na inclusividade e accesibilidade dun dos lugares de maior riqueza natural e patrimonial do Rosal que, en palabras de Sobrino, por fin “deixa de ser inaccesible… Non hai palabras para describilo”.  


Cruzando o Río da Cal por un paso de poldras 
A alcaldesa e membros da Corporación Municipal do Rosal, con familiares de Manuel Sobrino e amigas/os do  Club ADN Rías Baixas

 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández, explica que nos muíños do Folón e do Picón “a cadeira demostrou que é eficaz en superficies de gran pendente”, e engade que os rosaleiros e rosaleiras con mobilidade reducida “pronto desfrutarán dun servizo permanente para facer sendeirismo de xeito programado acompañado dun equipo de voluntarios e voluntarias”. A rexedora tamén quere agradecer a Manuel Sobrino “o seu esforzo e dedicación”, e ao Club ADN Rías Baixas que “nos acompañarán neste fito para a accesibilidade no noso concello”.  

 Esta aposta polo sendeirismo inclusivo enmárcase dentro do proxecto Cocreando Sociedade, co que o Rosal trata de estreitar lazos entre tecido asociativo, administración local e entidades que traballan a prol da diversidade para deseñar de forma conxunta estratexias e iniciativas inclusivas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario