25 de nov. de 2021

O ROSAL

O Concello do Rosal renova toda a sinalización do Sendeiro de Pescadores  

O percorrido de 7,5 km que vai dende a praia das Eiras ata o muíño das Aceñas conta con novas sinais, postes e paneis de información  


A alcaldesa e o concelleiro de Vías e Obras, diante dun punto de información do Sendeiro de Pescadores 
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal aposta polo sendeirismo como medio para dar valor ao seu patrimonio natural e atraer visitantes ao municipio. No marco desta estratexia acaba de renovar toda a sinalización do Sendeiro de Pescadores, un percorrido que comeza na contorna da praia das Eiras e que discorre 7,5 km polas ribeiras dos ríos Miño e Carballas. A alcaldesa, Ánxela Fernández, destaca que os traballos para mellorar a sinalización deste percorrido de gran valor histórico, paisaxístico e natural do noso concello xa están finalizados, e anima á veciñanza “a pasear por esta fermosa senda”. 

 A renovación contou con varias intervencións. Renováronse todas as marcas pintadas sobre as árbores tendo o máximo respecto co seu benestar, colocáronse postes novos para sinalar o percorrido e se substituíronse os paneis de información en mal estado. Tamén se apostou con facer esta senda máis atractiva para nenos e nenas coa colocación de puntos de información medio ambiental de baixa altura, na que poden aprender sobre a flora e a fauna que vive no sendeiro.  

 O Sendeiro de Pescadores é un camiño de gran valor para O Rosal. Percórrese en aproximadamente hora e media, e da acceso a bosques de ribeira, zonas de esteiro e xunqueira, espazos de interese ornitolóxico, pontes históricas, un serradoiro a vapor, muíños hidráulicos e varias áreas de recreo. Pódese comezar na praia das Eiras, para rematar nas Aceñas, ou ben pódese partir da área recreativa das Aceñas para concluír nas Eiras. En ambos extremos da ruta hai espazo de aparcamento. 

 No Concello tamén queren solicitar á veciñanza a súa colaboración para manter en perfectas condicións o sendeiro. Tanto no coidado do medio natural como da sinalización cando se camiñe, pero tamén cando haxa traballos agrícolas ou de limpeza cerca. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario