O PLENO DO ROSAL APROBOU POR UNANIMIDADE, UNHA MOCIÓN PARA RECLAMAR A MELLORA DA SANIDADE PÚBLICA
O Concello denuncia que a precariedade que existía antes da pandemia acentuouse coa eliminación do servizo de pediatría e pechando a consulta de San Miguel
Infogauda / O Rosal
O pleno do Concello do Rosal aprobou por unanimidade unha moción para instar á Xunta de Galicia a que mellore e defenda a sanidade pública galega. Denuncian que “a precariedade que existía antes da pandemia, acentouse coa eliminación do servizo de pediatría, pechando a consulta de San Miguel, xunto a unha atención baseada, ata hai pouco, en primar consultas telefónicas sobre as presenciais e con restricións de acceso ao Centro de Saúde”.
A alcaldesa, Ánxela Fernández, explica que presentan esta moción coas reinvindicacións da Plataforma SOS Sanidade Pública e en proposta da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal porque “no Concello sempre estaremos dispostos a reclamar e defender unha sanidade pública de calidade para todos e para todas”.
A moción do pleno insta á Xunta “a implantación inmediata nos centros de saúde dun protocolo anticovid 19 que estableza circuítos seguros de mobilidade no seu interior, salas de espera adaptadas para cumprir coas actuais normas sanitarias, onde tanto profesionais como usuarios nos sintamos seguros”, para evitar así as longas colas diante do centro só co argumento de “evitar contaxios no Centro de Saúde”, temor infundado, para non deixar ver o principal problema: falta de medios e de persoal.
“O Rosal tamén reclama o incremento de maneira urxente do presuposto sanitario destinado a Atención Primaria para que represente un 25 % do total en cinco anos, xa que, con esta alza, sería posíbel contratar e acabar coa precariedade laboral do persoal”. Por último tamén se insta á Xunta a poñer en marcha o Consello de Saúde de Galicia e os Consellos de Saúde da Área Sanitaria, para actuar con eficiencia sobre os determinantes da saúde.
A rexedora lembra que a Mancomunidade do Baixo Miño porá a disposición da veciñanza transporte público gratuíto para asistir a esta manifestación en defensa da Sanidade Pública que sairá o vindeiro domingo 14 de novembro ás 12.00 horas dende a alameda de Santiago de Compostela.
Aprobados os Orzamentos municipais de 2022
O pleno do Rosal tamén aprobou por maioría e sen ningún voto en contra, o orzamento municipal para o ano 2022. O Concello convértese así nun dos primeiros municipios da provincia en contar cuns presupostos.
O orzamento é de case 4,8 millóns de euros e recolle as necesidades de gastos estruturais e servizos con melloras para responder á realidade do Concello, no que se manterá por exemplo a aposta polas actividades culturais, festivas e deportivas, continuando coa liña do exercicio anterior.
Ningún comentario:
Publicar un comentario