30 de nov. de 2021

GOIÁN (TOMIÑO)

O nome de Xoán Piñeiro, un dos grandes escultores de Galicia, xa figura no rueiro de Goián

· Antes da descuberta da placa, tivo lugar no salón do Centro Goianés a presentación do libro “Xoán Piñeiro”, publicado pola Fundación do mesmo nome, con apoio do Concello de Tomiño 

 

O historiador Gustavo Hervella e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, no momento en que Carmen Álvarez, viuva de Xoan Piñeiro, descubre a placa que da nome a unha rúa do barrio de Tollo, en Goián

Fotos: C.T.

Na placa, de bronce, pode verse ademais do nome da rúa, o rostro do escultor, inmortalizado na mesma con gran fidelidade, polo escultor Carlos Fernández


O acto da de cuberta da placa contou coa asistencia dunha representación da veciñanza de Goián


Infogauda / Goián (Tomiño) 

 Goián conta cunha vía denominada "Rúa Xoán Piñeiro". A placa foi descuberta durante un emotivo acto organizado pola Fundación Xoán Piñeiro, co beneplácito do Concello. Na placa, de bronce, pode verse ademais do nome da rúa, o rostro do escultor, inmortalizado na mesma con gran fidelidade, polo escultor Carlos Fernández.   

 O acto inscríbese na celebración do  centenario do se nacemento do artista, nado en Nerga (parroquia de Hío, concello de Cangas) e afincado en Goián, de onde é a súa dona (Carmen Álvarez), residindo antes en Madrid e outras cidades. 

 A rúa (situada no barrio goianés de Tollo), é xusto sobre a que estaba o estudo do escultor e a súa casa, polo que ao Concello pareceulle moi atinada a proposta da fundación de denominala co nome do artista. “Pareceunos moi interesante a suxestión da fundación, xa que é unha forma de agradecer e recoñecer o legado deste grande artista”, comenta a alcaldesa.  


Acto de presentación da monografía adicada a Xoán Piñeiro, no salón do Centro Goiánes

 Previamente á descuberta da placa, tivo lugar no salón do Centro Goianés a presentación do libro “Xoán Piñeiro”, publicado pola Fundación do mesmo nome, co apoio do Concello de Tomiño, entre outros, acto que tivera que adiarse un ano por mor da pandemia.   

 Presidiron o acto Gustavo Hervella (historiador), Cuqui Piñeiro (filla do escultor), Xesús Vázquez (presidente da Fundación) e Sandra González (alcaldesa de Tomiño). O volume, no que se relata vida e obra do artista, inaugura a colección “Nerga”, unha serie de monográficos pensados “para combater o abandono do pensamento escultórico”. Un primeiro libro dunha serie que estudará aos escultores galegos, reflexionando sobre a súa obra e o seu tempo. Entre os autores figuran Chus Martínez Domínguez (coordinadora); Gustavo Hervella García, Miriam Elena Cortés López e Carla Fernández Martínez.  

 A Fundación Xoán Piñeiro (creada en 1998 co fin de divulgar, protexer, e defender a obra de Piñeiro) presentou primeiramente o volume en Cangas, a terra do escultor, para iniciar logo en Goián unha xira por varios puntos relacionados coa vida do artista. O domicilio da entidade está xustamente no lugar de Tollo e o desexo da familia e restantes membros do patronato é seguir a filosofía do escultor “que promoveu desde a xenerosidade a actividade escultórica”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario