22 de nov. de 2021

DEPORTES

PIRAGÜISMO

MANU OCHOA, DOS TEIXUGOS, LOGRA O SEGUNDO POSTO NA COPA SEGRE  


Manuel Ochoa - á esquerda da imaxe - compartindo podio na categoría K1 sénior

Informa: Rosa Fernández  Carrera / Fotos: Norbert Aguilera

 Esta fin de semana celebrouse a Copa Segre, unha competición internacional,  que non entra dentro do calendario oficial, pero de gran prestixio no mundo do slálom. O torneo consta de dúas competicións, unha celebrada na canle olímpica da Seu D´Urgell e a segunda na canle de slálom de Ponts. O resultado final é a suma dos resultados acadados ao longo das dúas xornadas.  

 O Club Deportivo Miño-Teixugos estivo representado por tres dos seus deportistas.  


Manuel Ochoa nun momento da súa participación

 Manuel Ochoa participou na categoría K1 sénior. O sábado en clasificatorias acadou o terceiro mellor tempo, nas finais cunha baixada moi rápida e sen penalizacións, rematou en segundo lugar. O domingo, en Ponts, fixo o mellor tempo das clasificatorias, pero nas finais volveu quedar en segundo lugar. Moi boa a competición de Manu, que na suma final de puntos o levaron ao podio como subcampión, por detrás do catalá Miquel Travé e por diante do olímpico David LLorente. 

 

Ainhoa Barreiro

 Ainhoa Barreiro participou en K1 júnior. O sábado,  non foi quen de acadar as finais, nas que entran os dez primeiros de cada categoría, pero andivo preto de logralo, rematando no posto doce. No domingo en Ponts mellorou moito os tempos do día anterior, entrando nas finais co sétimo mellor tempo das clasificatorias, na final, tamén fixo unha boa baixada, pero 6 segundos de penalización por toques fixeron que rematara en noveno lugar. Na suma final de puntos a nosa representante rematou décima.  


Alexis Segadaes

 Alexis Segadaes participou en K1 júnior, a categoría con maior número de participantes. Aínda que fixo boas baixadas, as penalizacións por toques deixárono fóra das finais nas dúas xornadas.  Na suma final de puntos rematou no décimo quinto lugar.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario