A Guarda recibirá da Deputación de Pontevedra máis de 600.000 euros
Para a reforma e ampliación do pavillón da Sangriña
Un proxecto que conta cun orzamento total de 1.674.023,95 euros
Infogauda / A Guarda
A Deputación de Pontevedra confirmou, na presentación do plan de reactivación económica da provincia REACPON, a achega de 609.672,24 € para acometer a execución da reforma e ampliación do pavillón municipal da Sangriña. Un proxecto que conta cun orzamento total de 1.674.023,95 euros.
REACPON, o plan de investimento público más ambicioso da historia da Deputación de Pontevedra, mobilizará 39,1 millóns de euros para acometer grandes actuacións nos concellos da provincia e transformar o territorio, na que se financian aqueles proxectos que consigan maior puntuación segundo criterios de madurez do proxecto, contribución a unha economía descarbonizada, calidade do proxecto e consecución dos obxectivos da Axenda 2030.
Os proxectos deste plan deberán estar executados a finais de abril de 2023. Dado que o prazo de execución da obra é dun ano e o proxecto está listo para licitar o concello activará un procedemento de licitación anticipada para poder cumprir os prazos que marca a Deputación.
Para acadar a puntuación suficiente para resultar elixido pola Deputación e para poder licitarse, o proxecto do pavillón da Sangriña, aprobouse nun pleno municipal cos votos favorables do Equipo de goberno e do BNG, e tivo os votos en contra do PP e de Converxencia Galega. Ao producirse un empate na votación o alcalde, Antonio Lomba, tivo que facer valer o seu voto de calidade.
Para axilizar a adxudicación o concello completará, nun primeiro momento, o financiamento con fondos propios, acudindo a remanente de tesourería e, se fora necesario, a un préstamo. A vez manterá contactos coa Xunta de Galicia para solicitar, unha vez máis, cofinanciamento para esta obra, recordándolle o compromiso de mellora do pavillón que o mesmo presidente Feijóo expresou as xogadoras e representantes do Atlético Guardés de balonmán feminino en 2017, con motivo da recepción ao club polo campionato de liga da división de Honra.
En palabras do alcalde, “Agora é momento de aproveitar a ocasión para reformar e ampliar o pavillón e conseguir a renovación total do edificio, cunhas instalacións máis modernas e acordes coa categoría do noso equipo de balonmán feminino, que disputa na Sangriña os partidos da liga na división de Honra e de competicións europeas. Esta reforma estará rematada en abril de 2023”.
Antonio Lomba tamén indicou: “As novas instalacións, entre outras actuacións contemplan, unha nova fachada, unha nova bancada no fondo; a creación dunha planta superior para a circulación de espectadores e acceso seguro ás gradas; unha zona para espectadores en cadeira de rodas; catro vestiarios xerais, un vestiario accesible; un vestiario para árbitros; dous núcleos xerais de aseos; tres aseos accesibles un área de prensa; novas zonas de paso inferiores; almacéns etc.
Ademais haberá unha importante mellora na accesibilidade e na eficiencia enerxética do edificio.
Teremos un pavillón como A Guarda e o Atlético Guardés se merece”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario