A PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DA GUARDA SOLICITA REUNIRSE CO CONSELLEIRO DE SANIDADE
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda
Diante dos anuncios aparecidos nos medios de comunicación sobre a construción dun hipotético Centro Integral de Saúde (CIS) para a nosa localidade, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda solicitou unha reunión co Conselleiro de Sanidade.
A Plataforma manifesta a súa sorpresa polo anuncio da Consellaría de Sanidade, xa que no Proxecto de Orzamentos que está en trámite neste momento no Parlamento da Galiza non aparece ningunha consignación orzamentaria sobre o hipotético centro.
Nesta reunión que agardamos que o Conselleiro teña a ben concedernos nun prazo breve de tempo a Plataforma pediralle ao Conselleiro que concrete en que prazos e con que fondos teñen previsto abordar este CIS.
A Plataforma ten intención de abordar tamén nesta reunión o deterioro permanente do Centro de Saúde da Guarda pola falta de profesionais e urxirá ao Conselleiro a restablecer o cadro médico do Centro que é a necesidade fundamental que temos os usuarios e usuarias do Centro.
Neste sentido e, polas informacións que temos, a Plataforma considera inaudito o anuncio realizado, tendo en conta a situación que enfrontará o noso Centro nas próximas semanas, con 4 médicos en total, ou 3 de se dar o peor dos casos, a repartir entre xornada de mañá e xornada de tarde.
Temos constancia de que o Sergas optará antes, chegado o caso, por anular as consultas ordinarias e orientar na práctica a actividade do Centro ás urxencias. Non podemos crer as promesas que nos fan mentres vemos cos nosos ollos a precarización día a día da atención na nosa vila.
A Plataforma anuncia que participarán na manifestación que se celebrará en Santiago de Compostela o 14 de Novembro en defensa da recuperación da atención primaria convocada por SOS Sanidade Pública e polas Plataformas en Defensa da Sanidade Pública de toda Galiza. Nos próximos días desenvolveran unha campaña de información para facilitar a participación do maior número posíbel de persoas nesta manifestación.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario