Nace FOGARES SANXE, Sociedade Cooperativa Galega
Primeira cooperativa de persoas consumidoras e usuarias constituída por persoas con diversidade intelectual de Galicia
Asociación San Xerome Emiliani / A Guarda
As persoas con diversidade intelectual son persoas dependentes que requiren dun apoio xeneralizado ao longo de toda a súa vida. Habitualmente este apoio facilítase fundamentalmente dende o seu núcleo familiar, acompañado polos servizos de apoio profesionalizado prestados polos Centros como a Asociación San Xerome Emiliani.
Dende unha perspectiva do Dereito, as persoas con diversidade intelectual teñen o mesmo dereito a emanciparse, a vivir a súa vida independente cos apoios necesarios para poder facelo, como o resto de persoas sen discapacidade. Os axentes políticos e sociais temos a obriga de garantir o acceso a este Dereito.
Por outra banda, as familias das persoas con discapacidade intelectual enfróntanse a un gran reto: que será das nosas fillas/fillos cando xa non poidamos facernos cargo deles?
¿Qué pasará “despois de nós”?
É necesario,e unha obriga ética, dar resposta e solución a esta crucial cuestión.
Para responder a esta necesidade social, a Asociación San Xerome Emiliani de A Guarda (Pontevedra) ten en marcha o Proxecto FOGARES SANXE, solución residencial innovadora para persoas con diversidade intelectual da Comarca do Baixo Miño e as súas familias.
Inspirados pola filosofía da “Chamada á Acción”, un grupo de 38 valentes e pioneiras persoas con diversidade intelectual e as súas familias promove a constitución dunha Cooperativa de persoas consumidoras e usuarias baseada no modelo “Coop-housing”, pioneira en Galicia, na que as persoas socias serán as persoas con diversidade intelectual que vivirán nos Fogares Sanxe, e os xestionarán con criterios democráticos e participativos.
O vindeiro venres 05 de novembro 2021 celebrarase a Asemblea constituínte da Cooperativa FOGARES SANXE, S. Coop. Galega, na sede da Asociación San Xerome Emiliani da Guarda. Momento histórico para as persoas con diversidade intelectual do Baixo Miño e as súas familias, que servirá de exemplo para outras moitas iniciativas en Galicia, que atopen na autoxestión cooperativa o modelo idóneo para garantir o dereito á autodeterminación e a decidir sobre cómo vivir as súas vidas ás persoas con diversidade intelectual.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario