7 de out. de 2021

VIGO

A Deputación de Pontevedra e o concello de Vigo colaboran no impulso do "Outono Lírico", organizado pola asociación "Amigos de la Ópera" 

A programación desta iniciativa cultural espallarase ata finais de novembro e contempla óperas, ciclos musicais e conferencias  

 



Infogauda / Vigo

 Co obxectivo de promover a cultura e cooperar co fomento de actividades que contribúan á dinamización económica e social da cidade, a Deputación de Pontevedra vén de asinar un convenio co concello de Vigo para impulsar o programa "Outono Lírico" que organiza a asociación "Amigos de la Ópera". A programación desta iniciativa cultural, que se espallará ata finais de novembro, contempla óperas, ciclos musicais e tamén conferencias sobre grandes intérpretes da historia desta disciplina artística.  

 Con "Outono Lírico" a cidadanía poderá desfrutar nestes meses de "Pasión Gala", o 16 de outubro ás 20 horas no Teatro Afundación con cancións, napolitanas e arias de ópera a cargo do tenor Ramón Vargas co acompañamento de Mzia Bakthouridze ao piano. Tamén da "Gran ópera Gala", o 31 de outubro ás 20 horas no Teatro Afundación, con arias e dúos de óperas como "Aída", "Carmen", "Il Trovatore", "Pagliacci" ou "Don Carlo a cargo da mezzosoprano Nanci Fabiola, do tenor Alejandro Roy e con Javier Carmena ao piano. Finalmente, o ciclo contempla o espectáculo "A emigración galega, cancións de ida e volta", o 6 de novembro ás 19.00 horas no Teatro Afundación, onde o barítono Borja Quiza co pianista Fernando Briones interpretarán cancións de Chané, Xoan Montes, Andrés Gaos, Ernesto Lecuona ou Carlos Gardel que poñen música a textos de Curros Enríquez ou Eduardo Blanco Amor sobre a emigración.  

 Amais destas óperas, o "Outono Lírico" contempla unha serie de actividades paralelas como o ciclo "Ópera en el cine" que rematará o 26 de outubro ás 19 horas no Auditorio do Concello de Vigo co visionado da grande función operística "Suor Angelica" con música de Puccini. Igualmente, tamén terá lugar o ciclo "Hablamos de… ¡ Cien años no es nada!" con conferencias sobre "Corelli. La voz titánica" a cargo de Ricardo de Cala, director e presentador de "Maestros Cantores" en Radio Clásica, ou sobre "Caruso. Poderoso Señor" a cargo de Victoria Stapells e Arturo Reverter, da escrita e crítica musical. A conferencia de Corelli terá lugar o 22 de outubro e a de Caruso o 2 de novembro, ámbalas dúas na Sala de Conferencias do Centro Social Afundación ás 19 horas.  

 "Amigos de la Ópera" trátase dunha entidade sen ánimo de lucro que se dedica a fomentar o coñecemento e a difusión da mellor ópera entre a sociedade viguesa, mediante a programación de concertos e outras actividades, a fin de promover a afección á música como actividade tanto cultural coma social. Amais da programación do "Outono Lírico", "Amigos de la Ópera" organiza ao longo do ano numerosas iniciativas que xiran arredor desta disciplina musical.

Ningún comentario:

Publicar un comentario