14 de out. de 2021

VIGO

A CIG urxe medidas que garantan o futuro da industria galega do automóbil e rexeita os ERTE indiscriminados 

Delegados/as e traballadores/as do sector concentráronse  diante do Cluster de Empresas da Automoción en Vigo 


A federación de Industria da CIG reactivou cunha concentración hoxe diante do Cluster de  Empresas de Automoción de Galiza (CEAGA) en Vigo

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A federación de Industria da CIG reactivou cunha concentración hoxe diante do Cluster de  Empresas de Automoción de Galiza (CEAGA) en Vigo a campaña de mobilizacións, información,  achega de propostas e accións institucionais en defensa do emprego na industria galega do  automóbil, para demandar solucións á grave crise que atravesa o sector e para que se adopten  medidas que garantan o futuro dunha actividade económica estratéxica para o país. Con esta  protesta, de igual xeito que coas levadas a cabo no verán, a central quere amosar tamén o seu  rexeitamento aos ERTE indiscriminados que se están a prolongar no tempo. 

 O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, advertiu que tanto as empresas como o  propio sector no seu conxunto enfrontan unha situación “moi complicada” como consecuencia da  actual crise derivada da intensificación da dixitalización dos procesos produtivos e da  descarbonización da economía, en plena transición enerxética, mais tamén pola actual problemática  derivada do alto prezo da enerxía e da escaseza de materias primas.  

 Ao que hai que sumar a falta de semicondutores, a deslocalización de empresas, a subcontratación  mediante multiservizos, centros especiais de emprego e ETT “con salarios de miseria, xornadas  desreguladas que impiden conciliar a vida laboral e familiar, abuso nas horas extras e na  contratación eventual” e a aplicación das reformas laborais de PP e PSOE nos ERTE. “O que ten  convertido este sector estratéxico da nosa economía nun polvorín pola falta de compromiso dos  Gobernos galego e español”. 

 Bouzas indicou que esta crise técnica ten que ver coa chegada de novas tecnoloxías e co cambio de  papel do automóbil dentro das cidades e pola súa incidencia no medioambiente. “Diante disto,  fixemos e estamos a facer propostas para afrontar o futuro do sector sen que sexan sempre os cadros de persoal das empresas os que paguen as consecuencias”. 

Política enerxética de país 

 Entre outras cousas, fixo fincapé na necesidade de apostar polos coches híbridos, híbridos a gas e  eléctricos, polo coche autónomo, pola planta de baterías e a pola fabricación dos novos  compoñentes para coches eléctricos preto da planta principal. E por unha política enerxética de país  para a automoción, pola creación dunha tarifa industrial e dun convenio de enerxía sectorial ou por  polígonos vinculado á mellora das instalacións cunha repercusión directa e polo impulso das  tecnoloxías de almacenamento de enerxía. 

 Mais tamén por definir solo industrial para futuras instalacións ante os novos coches eléctricos,  regularizar as actividades das empresas auxiliares para adaptalas aos novos modelos e para  adaptalas entre elas para evitar competencias desleais e darlle prioridade á creación de patentes e á  revisión das actuais. 

 Así como vixiar e controlar todos os proxectos relacionados co sector, avaliar os seus resultados e  comprobar onde se desenvolven a posteriori e fiscalizar todas as axudas e subvencións. Tamén  incrementar a formación relacionada co novo sistema de fabricación, actualizar as profesións e  implementar novas titulacións profesionais. 

Contratación indefinida 

 Ao mesmo tempo, demandou o fomento da contratación indefinida e a tempo completo, a  elaboración dun plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal e a aplicación de coeficientes  redutores para o sector e de plans de enfermidades profesionais, ergonomía nos traballos repetitivos, ritmos de traballo e riscos psicosociais. 

 Pola súa banda, a responsábel da Automoción da CIG, María Xosé García, lembrou que todas estas  propostas fóronlles trasladadas aos distintos grupos políticos con representación no Parlamento  galego, “mais só o BNG decidiu asumilas, polo que seguimos á espera de que tanto o PSOE como o PP o fagan”. 

 Ademais, denunciou que ademais da precariedade que se está a estender no sector os  traballadores/as están a padecer uns altos niveis de inseguridade, “xa que nós mesmas temos que  estar chamando para saber cando temos que ir a traballar ou cando imos parar”. 

 Dende a CIG entenden que todas estas cuestións de vital importancia para o sector deberan ser  tratadas nunha Mesa Galega da Automoción (MGA) integrada polo CEAGA, as tres universidades  galegas e as centrais sindicais. 

 Ao temate da protesta Bouzas e García intentaron acceder ás instalacións do CEAGA para entregar  un escrito solicitando unha xuntanza cos seus responsábeis, pero non foi posíbel porque a porta  estaba pechada e dende o interior do inmoble comunicáronlles que tiñan orde de non permitir o  acceso. 

Perda de emprego 

 Mais fronte a todo isto, a única solución que aplican as empresas é a presentación indiscriminada de ERTE, tanto na compañía principal como nas auxiliares. Isto está a provocar unha perda evidente de emprego e repercute moi negativamente sobre os cadros de persoal. ERTE que se están a suceder  sen ningún tipo de criterio, polo que reclaman que se garantan unha serie de cuestións á hora de  enfrontalos: 

- Mantemento do emprego. 

- Afectacións rotatorias para todo o persoal. 

- Avisos de parada como mínimo con 48 horas de antelación. 

- Regular os días de non actividade, paradas seguidas e sempre achegados á fin de semana. 

- Reestruturación das quendas. 

- Control dos ritmos de traballo nos días de actividade. 

- Compensación ou complemento por día de afectación ate o 100% do percibido. 

- Que parte das axudas recibidas polas empresas sexan destinadas a paliar os efectos do ERTE. 

- Bolsas de emprego para o retorno das persoas afectadas

Ningún comentario:

Publicar un comentario